As líderes do BNG lucense escoitaron as demandas de adegueiros e viticultores nun encontro telemático
A aposta por recuperar superficie de viñedo tradicional terá cabida no programa do BNG para as eleccións autonómicas. Así o anunciaron as candidatas desta formación nacionalista ao Parlamento galego Olalla Rodil e Noa Presas, logo da xuntanza mantida por videoconferencia con adegueiros e viticultores da Ribeira Sacra.
O CULTIVO EN SOCALCOS, UN VALOR ENGADIDO PARA OS VIÑOS DA RIBEIRA SACRA E PARA O CONXUNTO DO TERRITORIO
No encontro telemático, que se desenvolveu o pasado 5 de xuño, participaron profesionais do sector adheridos á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e outros que levan adiante proxectos á marxe desta demarcación. Rodil e Presas fixeron propias as demandas deste produtores, e comprometéronse a defender a “ampliación da superficie de cultivo vitícola priorizando as zonas tradicionais e en terrazas”. Este modelo interprétase, segundo destacaron as nacionalistas, como un recurso produtivo da Ribeira Sacra, zona na que os socalcos “confire un valor engadido aos viños e dinamiza a economía local”.
DEMANDAN LEXISLACIÓN CLARA SOBRE AS TERRAS SEN DONO, E XESTIÓN RENDIBLE DO MONTE
Olalla Rodil e Noa Presas comprometéronse a “dar voz ás demandas compartidas polo sector”, destacando entre as súas petición “unha lexislación clara en relación cos montes de man común e as terras sen dono”, así como unha xestión forestal rendible.
ALERTA POLO ENVELLECEMENTO NO SECTOR DO VIÑO: CASE TRES CUARTAS PARTES DOS VITICULTORES DA DENOMINACIÓN TEÑEN MÁIS DE 65 ANOS
Outra das preocupacións recollidas no encontro cos produtores da Ribeira Sacra foi a remuda xeracional. Rodil e Presas coincidiron cos adegueiros e viticultores en que a administración “debe establecer mecanismos para facilitar e incentivar” a incorporación de novas xeracións á viticultura. Esta actividade ten unha gran importancia para fixar poboación no rural e lograr un desenvolvemento sustentable do territorio, segundo apuntaron os participantes no encontro.
As nacionalistas insistiron na urxencia de tomar as rendas nesta cuestións. Citando datos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra referidos a 2019, dos preto de 2.600 viticultores desta demarcación, máis de 2.000 superaban os 65 anos. As candidatas do BNG por Lugo coincidiron cos profesionais do sector en que “outro futuro é posible” para esta zona, aínda que insistiron na importancia de non vincular ás axudas á idade dos emprendedores, senón aos proxectos por si mesmos.