O nacionalista e deputado de Deportes, o sarriao Efrén Castro, doou o 30% da súa nómina de abril para colaborar con esta entidade social
O pasado 10 de xuño, o persoal da Cruz Vermella de Sarria recibiu a visita do deputado de Deportes, Efrén Castro, logo de que o nacionalista fixera efectiva a doazón do 30% da súa nómina de abril para colaborar con esta entidade. Castro materializou así o compromiso dos membros do Goberno provincial de ceder parte destes ingresos aos colectivos sociais fronte ao impacto da pandemia da Covid-19.
LABOR SOCIAL TODO O ANO, E ESPECIALMENTE PARA AXUDAR AOS MÁIS VULNERABLES DURANTE A PANDEMIA
Na súa visita á sede da Cruz Vermella de Sarria, o deputado nacionalista gabou o labor desta institución, que traballa na mellora da calidade de vida de enfermos de alzheimer, e desenvolve clases de apoio escolar e de idioma co fin de axudar á integración das persoas inmigrantes. A crise sanitaria obrigou a reforzar algunhas das funcións que realiza esta entidade, como a provisión de medicamentos a persoas con dificultades económicas.
GRAN COLABORACIÓN PARA DESENVOLVER EVENTOS DEPORTIVOS
O deputado sarriao e responsable da Área provincial de Deportes destacou tamén o importante papel que realiza a Cruz Vermella da vila xacobea como apoio á organización e desenvolvemento de eventos de carácter deportivo.