Abren todos agás o da Pinguela, porque está en obras
Coincidindo coa entrada de Galicia na nova normalidade trala superación da fase 3, o Concello de Monforte vén de abrir 15 dos 16 parques públicos infantís, agás o da Pinguela, que permanecerá pechado ata que rematen as obras de mellora nesta superficie.
AFORO LIMITADO, CUN CARTEL INFORMATIVO EN CADA PARQUE
Segundo informaron os responsables municipais, os usuarios xa poden desfrutar, dende o 15 de xuño, destas zonas de lecer, aínda que coas restriccións establecidas polas autoridades sanitarias. O alcalde, José Tomé, precisou que estas medidas teñen que ver co número de usuarios por espazo recreativo, e coas medidas de hixiene. “A lei marca unha limitación do aforo de cada parque de unha persoa por cada 4 metros cadrados”, salientou o rexedor. Para facilitar o cumprimento desta medida, o Concello instalou en cada parque un cartel informativo co aforo permitido en cada parque, e cun rogo á cidadanía para que respecte a distancia de seguridade.
DESINFECCIÓN DIARIA DOS MÓDULOS INFANTÍS, APARATOS BIOSAUDABLES E MOBILIARIO URBANO
En canto á hixiene, o Concello realiza unha desinfección diaria, a primeira hora da mañá, nas áreas de uso común en cada unha destas zonas de lecer, con especial atención aos módulos de xogo infantil, aparatos de actividade física e mobiliario urbano de uso compartido.