O Concello financiou esta instalación deportiva con 9.500 euros do Plan Único da Deputación
Dende mediados de xuño, os rapaces e rapazas de Sarria xa poden desfrutar de novo da prática do skate. O Concello inaugurou o día 15 unha nova pista no parque do Chanto, para substituír á anterior, moi deteriorada pola chuvia e o paso do tempo. A nova instalación, que conta con cinco módulos para realizar saltos e acrobacias, supuxo un investimento de 9.500 euros, custeados con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo.
EN RESPOSTA ÁS DEMANDAS DA MOCIDADE DE SARRIA
No acto inaugural, celebrado na mañá do luns 15 de xuño, estiveron presentes o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o concelleiro de Deportes, Félix Seijas; e o deputado de Deportes, o nacionalista Efrén Castro. O responsable provincial da área de Deportes lembrou que, con esta nova pista, dáse resposta á demanda da rapazada de Sarria, que chegou incluso a realizar unha concentración na Praza da Vila, na que pediron un espazo axeitado e en condicións no que poder desfrutar deste deporte.