Medidas especiais no comercio para garantir a seguridade e evitar contaxios

A Xunta distribuiu material específico con recomendacións para os profesionais e o público

No interior dos establecimentos comerciais, debe manterse un ha distancia de seguridade de 2 metros entre persoas, para evitar contaxios. (Foto PxB)

A seguridade é un factor fundamental no proceso de apertura dos locais comerciais. Por este motivo, a Xunta distribuiu a comezos de maio unha serie de materiais específicos nos que se recollen as principais medidas que deben seguir tanto os comerciantes nos seus locais como os usuarios que se acheguen a realizar as súas compras. As pautas fixan aspectos como a distancia social, a manipulación de obxectos ou a limpeza dos espazos. Tamén se establecen indicacións para a incorporación dos traballadores aos seus postos.

Ao comezo da fase 0, o pasado 4 de maio, o Goberno central permitiu a apertura, con cita previa, de establecementos de menos de 400 metros cadrados de superficie. Ao inicio da fase 1, que entra en vigor o 18 de maio, os locais de ata 400 metros cadrados poden atender clientes sen cita previa, aínda que garantindo a distancia de 2 metros entre persoas, o que implicará a necesaria limitación do aforo.

Todas as medidas que a Xunta fixo chegar a autónomos e empresarios foron elaboradas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, logo de ser consensuadas co sector.

RECOMENDACIÓNS PARA COMERCIANTES E TRABALLADORES

En primeiro lugar, as especificacións elaboradas pola Xunta establecen as condicións de acceso do persoal aos seus traballos. Atendendo a estas medidas, deberase identificar ás persoas máis sensibles a un posible contaxio, tarefa que realizará o servizo de prevención de riscos laborais para aplicar as medidas que considere oportunas. Así mesmo, evitarase acudir ao centro de traballo no caso de ter máis de 37° de febre ou síntomas respiratorios, ou se a persoa tivo contacto cunha persoa contaxiada. Os desprazamentos realizaranse, na medida do posible, de xeito individual. No caso de ter que empregar o transporte colectivo ou de compartir vehículo, recoméndase o uso de máscara.

Pero os comerciantes tamén teñen obrigas cara os seus clientes, aos que deben guiar para garantir unha compra libre de contaxio. Con este fin, a Xunta distribuiu entre o comercio galego cartaces e outro material divulgativo coas instruccións correspondentes, que se deberán colocar nun lugar ben visible á entrada do establecemento.

A DISTANCIA SOCIAL, FACTOR CLAVE PARA UN COMERCIO SEGURO

Unha das medidas nas que máis incidiron as autoridades sanitarias foi o mantemento da denominada distancia social, que supón gardar un distanciamento físico de 2 metros entre persoas dentro dos locais comerciais. Esta distancia tamén deberá manterse entre os clientes e os obxectos que ofrece o comercio, así como entre a clientela e os traballadores. Recoméndase a utilización de medidas de barreira, como pantallas transparentes no mostrador, ou marcadores de distancia no chan, para facilitar o cumprimento desta norma.

Así mesmo, os consumidores que se acheguen aos establecementos deberán evitar coincidir en zonas de paso, salas de espera e de reunións, ou nos aseos.  En canto aos espazos con acceso ao público, será fundamental controlar a circulación de persoas, e vixiar o límite de aforo permitido.

REFORZO DA LIMPEZA E DA DESINFECCIÓN DE ZONAS COMÚNS E EQUIPAMENTOS DE LOCAIS E OFICINAS

A limpeza e desinfección de superficies e locais cobra unha importancia esencial nestes días de desescalada. En tendas que dispoñan de probadores, a Xunta recomenda aos comerciantes que valoren a necesidade da súa apertura e que, en caso de facelo, terán que reforzar a súa limpeza e desinfección. Esta atención tamén se intensificará no tocante aos espazos de uso común, e a equipamentos como mobles, teclados, fotocopiadoras, impresoras, télefonos e materiais de oficina. Dende a Xunta insistiron na importancia de adquirir material de limpeza e desinfección que estea avalado polas autoridades sanitarias, e que non inclúen o ozono. Outro dos aspectos a ter en conta será a ventilación dos establecementos, que se fará con máis frecuencia, incluso reforzando o mantemento dos sistemas axeitados para este fin.

A hixiene frecuente de mans, así como a aplicación de xel hidroalcohólico, son normas fundamentais de seguridade individual para previr contaxios. (Foto: PxB).

RECOMENDACIÓNS SOBRE O USO DE MÁSCARA, LUVAS DESBOTABLES E XEL HIDROALCOHÓLICO

En canto ás recomendacións individuais, que afectan tanto aos profesionais como aos clientes, a Xunta insiste na importancia da hixiene e no emprego de elementos de protección.  Con este fin, os establecementos e as oficinas deberán facilitar o lavado frecuente de mans e o uso de solucións hidroalcohólicas a todo o persoal, que deberá lavar e desinfectar as mans despois de tratar con cada usuario. Así mesmo, evitarase tocar a cara, en especial os ollos, a nariz e a boca, porque as mans son unha das principais vías de transmisión do coronavirus. No caso de tusir ou esbirrar, cómpre cubrir as vías respiratorias co antebrazo ou cun pano desbotable.

A Xunta recomenda a utilización de elementos de protección nos establecementos, que deberán dispoñer de solucións hidroalcohólicas, luvas e panos desbotables para o público na entrada do establecemento e no interior da oficina. Sobre o uso de máscaras, é necesario cando non se poida garantir a distancia mínima de 2 metros entre persoas, ou cando o servizo de prevención así o estableza. Recoméndase así mesmo usar luvas desbotables para manipular a documentación ou os obxectos que estean en contacto cos clientes, e no caso dos traballadores que compartan material de oficina.

O uso de materiais de protección individual, o establecemento de quendas e a promoción do teletraballo garanten a seguridade dos traballadores. (Foto: PxB)

SEGURIDADE ORGANIZATIVA: QUENDAS E TELETRABALLO PARA REDUCIR A COPRESENZA DO PERSOAL

Outra das cuestións abordadas pola Xunta nas súas recomendacións teñen que ver con aspectos organizativos do lugar de traballo. En relación ao persoal, deberanse limitar as actividades grupais presenciais, como reunións ou sesións formativas. Así mesmo, o teletraballo deberá seguir sendo unha opción prioritaria, aínda que se terá como alternativa o sistema de quendas e a flexibilidade horaria para evitar a coincidencia de persoas. O benestar emocional tamén é un aspecto importante na xestión da pandemia, polo que haberá que ofrecer pautas de actuación ante posibles situacións de estrés laboral derivadas da nova situación.


Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O colexio de Bóveda, entre as catro incorporacións do sur lucense ao programa E-Dixgal

Seguinte Nova

Arranxan un tramo da estrada paralela ao Camiño de Santiago en Triacastela

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: