Por unha mobilidade segura: a responsabilidade de cada un é unha vantaxe para todos

No primeiro mes da desescalada, duplicouse o número de usuarios do transporte público

Para garantir un transporte público libre de contaxios, é obrigatorio o uso de mascarilla durante todo o tempo de permanencia no vehículo comunitario. (Foto: AdobeStock).

Superado o confinamento, volve a vida cotiá co seu ritmo. Cada día, as cidades e vilas galegas rexistran centos de desprazamentos para ir traballar, de visita ou realizar xestións que levaban tempo en espera. Estas accións habituais seguirán a ocupar parte da nosa xornada, con unha particularidade: cómpre incorporar a elas as medidas de hixiene e protección fronte á Covid-19. Un novo xeito, aínda que sinxelo, para recuperar completamente a nosa dinámica diaria.

OS CIDADÁNS VOLVEN CONFIAR NO TRANSPORTE PÚBLICO PARA O SEU DÍA A DÍA

Para que a vida non se pare, administracións e profesionais do sector do transporte traballaron arreo, co obxectivo de garantir aos usuarios un servizo eficiente e, sobre todo, seguro para a súa saúde. A cidadanía está a amosar a súa confianza nesta mobilidade segura: dende que se iniciou a desescalada no mes de maio, xa se duplicou o número de usuarios do transporte público respecto á tempada de confinamento. O mantemento desta confianza está en mans dos profesionais, pero tamén dos propios cidadáns. Uns e outros deberán seguir aportando o seu grao de responsabilidade para garantir unha viaxe segura en autobús, taxi ou ferrocarril.

MASCARILLA OBRIGATORIA EN TODO TIPO DE TRANSPORTE PÚBLICO

Por parte dos usuarios, as recomendacións son as mesmas que as autoridades sanitarias dispuxeron para a saída á rúa. O uso obrigatorio da mascarilla esténdese a todo o tempo de permanencia nun medio de transporte público. A hixiene de mans con xel hidroalcohólico tamén é recomendable, sobre todo á entrada e á saída dos espazos compartidos. Así mesmo, recoméndase o uso de dispositivos móbiles ou tarxetas como sistema de pago, para reducir os contactos.

PAGAR CON TARXETA TMG OU XENTE NOVA NO TRANSPORTE PÚBLICO: REDUCE CONTACTOS E APORTA DESCONTOS

En canto ao pago do transporte con tarxeta, os usuarios poderán beneficiarse non só dunha medida de seguridade contra posibles contaxios, senón tamén gañar en prestacións. De feito, xa antes da alerta sanitaria, os galegos dispoñían de tarxetas como a TMG ou a denominada “Xente Nova”, que ofrecía importantes descontos e facilitaba os enlaces entre modalidades de transporte. A primeira delas, a TGM, vén funcionando nos últimos anos como un sistema de pago con tarifas moi reducidas para viaxes dentro das áreas incluídas no Plan de Transporte Metropolitano. Desde a Xunta anunciaron que esta tarxeta con todas as súas vantaxes poderá empregarse, dentro de poucos meses, en toda a Comunidade, unha vez que se complete a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.

Coa tarxeta “Xente Nova”, os menores de 21 anos poden viaxar de balde nos autobuses interurbanos da Xunta. Esta vantaxe só beneficiaba ata agora aos usuarios das áreas metropolitanas, pero dende o 15 de xuño xa funciona tamén en toda a provincia de Ourense e na área de Pontevedra. O obxectivo da Xunta é que a finais deste ano se poida usar esta tarxeta en toda Galicia.

Os equipos de protección individual para os condutores, a instalación de mamparas ou o pago con tarxeta son outras das medidas implantadas para unha mobilidade segura. (Foto: AdobeStock).

MÁIS OCUPACIÓN CON GARANTÍAS EN AUTOBUSES E TAXIS

Outra das medidas de protección que debemos manter é a distancia de seguridade, tamén no transporte público. Con todo, o nivel de ocupación dos vehículos comunitarios foi evolucionando conforme se superaban as fases de desconfinamento. Agora, nos autobuses permítese o uso de todos os asentos, pero empregando a mascarilla durante todo o tempo que dure a viaxe. No caso dos taxis ou dos vehículos de turismo con condutor, os usuarios xa poden ocupar todos os asentos incluído o contiguo ao condutor, aínda que este sempre debe ser o último en ocuparse.

APOIO DAS ADMINISTRACIÓNS PARA GARANTIR UN TRANSPORTE LIBRE DE CONTAXIOS

Pero a seguridade non é só unha tarefa dos usuarios, senón que implica tamén aos profesionais do transporte. O sector vén de implementar toda unha batería de protocolos e medidas que garantan a hixiene dos vehículos, para salvagardar a eficacia dun servizo imprescindible para o conxunto da sociedade. Con esta finalidade, empresarios e autónomos do sector do transporte puxeron en marcha diversas iniciativas, como a colocación de mamparas ou as medidas de desinfección dos vehículos, que contaron co asesoramento e o apoio económico das Administracións. No caso da Xunta, habilitáronse diversas liñas de axuda para financiar os custos destas accións, que teñen como finalidade garantir o mantemento dun servizo esencial en perfectas condicións de seguridade para o conxunto da cidadanía.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Noites de cine no verán de Pantón

Seguinte Nova

O sur de Lugo perde temporalmente dúas feiras temáticas do verán

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: