Os 24 vehículos clásicos de marcas exclusivas iniciaron en Monforte un itinerario puramente lucense, nunha edición marcada polas medidas sanitarias
Monforte foi o punto de partida da oitava edición do Rally Turístico Terras do Incio, que arrancou dende a cidade do Cabe o 8 de xullo, para proseguir por terras lucenses ata o día 14.
A explanada da Compañía reuniu aos 24 vehículos participantes, todos de marcas exclusivas e con deseños sorprendentes.
REDUCIÓN DO NÚMERO DE PARTICIPANTES E MEDIDAS HIXIÉNICO-SANITARIAS PARA UN EVENTO MÁIS SEGURO
O Rally Terras do Incio, que se desenvolve ata o 14 de xullo, limitou este ano o número de vehículos participantes, debido ás restriccións impostas pola alerta sanitaria. Para garantir un evento sen contaxios, a organización xa confirmou os protocolos hixiénico-sanitarios tanto cos establecementos hoteleiros como cos restaurantes, e informaron a todos os participantes das medidas que deben seguir durante a súa participación.
A RIBEIRA SACRA E O COUREL, NO MAPA DO RALLY DESTE ANO
O percorrido deste ano concentrouse en terras lucenses. O mércores 8 de xullo, os vehículos que toman parte no Rally Terras do Incio estiveron expostos na emblemática praza da Compañía. Logo da saída dende a cidade do Cabe, pilotos e acompañantes continuarán o seu itinerario turístico pola Ribeira Sacra, a Serra do Courel, a cidade de Lugo, a Mariña lucense e a Terra Chá, entre outros enclaves de interese da provincia.
VEHÍCULOS EXCLUSIVOS CHEGADOS DE ESPAÑA, FRANCIA E PORTUGAL
A comitiva de coches clásicos está integrada por modelos exclusivos de marcas como Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porsche, Lotus ou Ford. A procedencia dos participantes é moi diversa, con pilotos chegados de varios puntos de España, así como de Portugal e Francia.
O RALLY, UN EVENTO DE PROMOCIÓN
Na inauguración do rally, o alcalde de Monforte lembrou que este evento «amosa a riqueza da cidade, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo». •