•A nova zona ARI Ribeira Sacra permite acceder a 25.000 euros de subvención por vivenda
A Área de Rehabilitación Integral (ARI) Ribeira Sacra estréase cunha primeira dotación en axudas por importe de 850.000 euros. O ámbito de actuación desta Área inclúe aos 25 municipios do sur de Lugo e do norte da provincia de Ourense que conforman este territorio. Pendente de publicarse a convocatoria no Diario Oficial de Galicia, xa se coñece o regulamento para formalizar as solicitudes.
SOLICITAR A CUALIFICACIÓN PROVISIONAL DA OBRA
Dende comezos deste mes, as persoas interesadas en optar a unha subvención da ARI Ribeira Sacra xa poden realizar o primeiro dos trámites. O regulamento publicado no DOGA do 2 de xullo esixe a tramitación ante o Instituto Galego da Vivenda e do Solo a cualificación provisional da rehabilitación que se vai facer. Dende a Consellería insistiron na importancia de realizar esta solicitude antes do remate das obras. Tamén é condición imprescindible para poder ter a subvención que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se solicita a cualificación.
CUALIFICACIÓN DEFINITIVA E SUBVENCIÓN
Despois de solicitar esta cualificación e ter rematadas as obras, pedirase a cualificación definitiva, que é o que dá dereito a solicitar e obter, se é o caso, a subvención da ARI Ribeira Sacra. Por cada vivenda rehabilitada, disponse unha axuda máxima de 25.000 euros.
Poden solicitar estas achegas as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas, as comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades, as agrupacións de propietarios, e as administracións públicas, no caso de rehabilitacións de espazos comunitarios. •