Importantes investimentos para rehabilitar o patrimonio monumental da Ribeira Sacra

• A Xunta licitou varias obras de rehabilitación en Monforte, O Saviñao e Nogueira de Ramuín por un importe total que supera o millón de euros

O arranxo do Colexio do Cardeal, un dos elementos monumentais máis significativos de Monforte, suporá un investimento de 420.000 euros da Xunta. GPXG

A recuperación e posta en valor do patrimonio monumental da Ribeira Sacra é o obxectivo das recentes medidas impulsadas pola Consellería de Cultura. Nas últimas semanas, a Xunta licitou tres importantes actuacións, que no seu conxunto superan o millón de euros.

O MAIOR INVESTIMENTO, PARA MONFORTE
O importe máis destacado corresponde á restauración do Colexio do Cardeal, que se licitou por case 420.000 euros. Segundo precisaron dende a Consellería, boa parte das obras neste espazo servirán para corrixir as gretas provocadas polo terremoto de Lisboa de 1.755. Para poder levar adiante as obras nesta edificación, en proceso de ser declarada ben de interese cultural, a Xunta asinou en xuño un convenio coa Fundación Colexio da Nosa Señora da Antiga.

REFORZO DA ZONA DO PRESBITERIO, E MÁIS MEDIDAS PARA CONSERVAR O EDIFICIO
As accións de restauración mellorarán a seguridade e estabilidade do edificio, sobre todo no presbiterio. No seu muro, quedará selada a greta existente, reforzarase a bóveda e restaurarase o pasadizo traseiro. Así mesmo, substituirase a cuberta de tella do presbiterio, co que se evitará un maior deterioro da súa bóveda.
O proxecto, cun prazo de execución de seis meses, tamén inclúe a instalación dunha escaleira exterior de evacuación de incendios, e a desinsectación do pavimento e elementos mobles.

O románico da Ribeira Sacra ten en San Estevo de Ribas de Miño unha das súas xoias máis prezadas. GPXG

RESOLVER PROBLEMAS DE HUMIDADE E FILTRACIÓNS NAS IGREXAS DO SAVIÑAO E DE NOGUEIRA DE RAMUÍN
A eliminación da humidade provocada polas filtracións de chuvia centrarán os traballos na igrexa de San Estevo de Ribas de Miño. O proxecto, licitado a comezos deste mes por importe de 342.000 euros, completará en nove meses este arranxo nun edificio que foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931 con categoría de monumento. Os traballos inclúen a restauración da cuberta, a substitución de fiestras, o selado de gretas e a conservación de elementos arquitectónicos exteriores.
Un problema similar de humidade é o causante do deterioro da igrexa de San Estevo de Ribas de Sil. O proxecto de restauración deste edificio, na Ribeira Sacra ourensá, licitouse en 300.000 euros a comezos de xullo. As accións nesta igrexa, considerada Ben de Interese Cultural con categoría de monumento, permitirán acabar coas filtracións de auga nas cubertas. Tamén se resolverán os problemas de ventilación que provocan condensación, e os de capilaridade na base dos muros. O prazo de execución é de tres meses.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Investimentos, obras e emprego co Plan Único en Triacastela

Seguinte Nova

A rehabilitación de vivendas na Ribeira Sacra conta con 850.000 euros en axudas

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: