O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, informou esta tarde de que, ás 17 horas, en torno ao 43 por cento dos electores galegos tiñan exercido xa o seu dereito ao voto. Nas eleccións de 2016, a participación a esta mesma hora era de ao redor do 42,4 por cento.
Na comparecencia, á que tamén asistiu a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, concretou os datos por provincias: a participación na Coruña é do 42,8 por cento (42,02 en 2016); en Lugo, do 41,8 por cento (42,7 en 2016); en Ourense, do 42,6 por cento (44,4 en 2016); e do 43,5 por cento en Pontevedra (42,3 en 2016).
Está prevista unha nova comparecencia a partir das 21,30 horas para dar conta xa dos resultados provisionais, que se poderán seguir en tempo real na páxina https://resultados2020.xunta.gal e na aplicación móbil.
Tal e como se avanzou esta mañá, a xornada electoral comezou sen incidencias salientables coa constitución do 100% das mesas electorais: 3.952 distribuídas en 2.395 locais electorais.
En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.697.315 persoas xa que, aos 2,23 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 463.163 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).
Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.667 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.
Ademais, como novidade este ano, hai tamén ao redor de 3.900 representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. Estes persoal está formado, por unha parte, por aqueles representantes da administración que recollen os datos e que, ademais, se presentaron para realizar esta función de prevención sanitaria; e por voluntarios de Protección Civil