Ana Pontón leva ao BNG ao mellor resultado da súa historia, mentres o PSdeG non consegue rendibilizar o seu poder municipal e provincial
Alberto Núñez Feijóo confirmou os prognósticos revalidando a maioría absoluta en Galicia por cuarta vez consecutiva, nunha eleccións marcadas pola pandemia do coronavirus e a crise económica latente que, con todo, non impediron que os galegos acudisen a votar o pasado domingo, mellorando os datos de participación das eleccións de 2016 en máis de 5 puntos porcentuais.
No seu discurso tras coñecer os resultados electorais, Feijóo mostrouse emocionado. Tras dar as grazas á súa familia, destacou que os galegos optaron por confiar nun equipo de Goberno que acreditara a súa capacidade en tempos difíciles, como a pasada crise económica. Resaltou que non se equivocou cando apostou por Galicia, e reafirmou o seu compromiso con Galicia para os próximos anos.
A outra gran triunfadora da noite electoral foi sen dúbida Ana Pontón, que levou ao BNG a conseguir o mellor resultado da súa historia, erixíndose en segunda forza política galega, feito que a levará a liderar a oposición tras acadar 19 deputados e máis de 310.000 votos, aglutinando ao redor da súa candidatura a boa parte do electorado nacionalista e progresista que antes apoiara ás Mareas ou Podemos, partidos cun resultado pésimo que os deixa fóra do arco parlamentario galego.
A líder do BNG mostrou a súa satisfacción polo que cualificou de “enorme caudal de ilusión en torno á candidatura do BNG” e asegurou que “todas esas persoas saben que hoxe estamos máis cerca de que no 2024 se produza o cambio en Galiza cunha muller presidenta”.
O PSdeG, con Gonzalo Caballero como candidato, aínda que mellorou nun deputado os resultados obtidos en 2016 por Xaquín Fernández Leiceaga, non conseguiu rendibilizar o poder político que ostenta nas Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra, así como nas alcaldías das principais cidades galegas, nin coa presenza de Pedro Sánchez no Goberno do Estado.
Gonzalo Caballero dixo que “estou a disposición de cumprir con Galicia”,
e comprometeuse a “manter o temón en momento de tempestade” e tomar as leccións dun resultado electoral insuficiente mirando cara ao electorado moderado, coa convicción de que o PSdeG debe conectar coa maioría, tanto no electorado de esquerdas como no moderado, para erixirse na “alternativa necesaria” ao goberno do PP.