O brote de coronavirus de A Mariña conta hoxe con 21 casos activos máis

Na actualidade, o total de casos activos do brote de A Mariña é de 165

A Consellería de Sanidade informa que ata esta mañá confírmanse outros 21 casos activos de persoas afectadas por covid-19 no brote de A Mariña. Os novos casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas elevan a 165 o número de casos activos dentro deste brote. Hai que salientar, tamén que xa se produciron 25 altas epidemiolóxicas de persoas que eran positivas e que xa están curadas.

Así mesmo, destacar que os novos positivos que se produciron están relacionados co brote, o que permite seguir a garantir a trazabilidade dos casos e continuar na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote.

O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas.

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Dos 165 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Cinco persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Máis de 300 delas xa recibiron tamén a alta epidemiolóxica tras superar o período de illamento e non desenvolver a enfermidade. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.


O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos que van xurdindo, o que está a permitir controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial que ten o Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotalo canto antes, aínda que nestes momentos está controlado.

Hai que destacar, tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público de A Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostrou nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co importante e intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación moi rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Dende o Sergas queremos salientar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade, hixiene de mans…

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Alta participación na Aula de Verán que organiza o Concello do Saviñao

Seguinte Nova

Mascarilla, mans lavadas e responsabilidade: os mellores agasallos para os nosos maiores

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: