As achegas da Consellería de Cultura oscilan entre os máis de 4.000 euros de Monforte para dous programas, e os case 500 euros de Bóveda para un deles

A reactivación das bibliotecas municipais contará cun novo impulso económico a través das achegas que acaba de resolver a Xunta. A Consellería de Cultura aporta un total de 29.700 euros para que 12 bibliotecas do sur lucense melloren as súas coleccións e merquen libros en galego. Todos os centros beneficiarios, que na provincia de Lugo suman 34, están integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
PARA COMPRAR NOVIDADES EN GALEGO EN FORMATO LIBRO
Estas axudas divídense en dous programas, un deles orientado á adquisición de novidades editoriais en formato físico e en lingua galega, no momento en que cheguen ao mercado. O programa abrangue doce bibliotecas da zona sur, con achegas que van dende os case 500 euros de Bóveda, O Páramo ou A Pobra do Brollón, ata os preto de 2.000 euros adxudicados a Monforte e Sarria. Unha subvención en torno aos 1.000 euros é a que Cultura destina a cada un destes municipios: Láncara, Pantón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada. Fóra destas cifras, a Chantada correspóndenlle case 1.500 euros.
INCREMENTAR A OFERTA E O SERVIZO NO NADAL E O VERÁN
A segunda liña de axudas destina 17.000 euros ás mesmas bibliotecas, agás Bóveda, que poderán mellorar a súa colección bibliográfica, ademais de incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, con especial atención ás campañas de Nadal e verán, épocas nas que acostuma aumentar o número de préstamos bibliotecarios. Neste apartado, as contías son máis importantes: en Sarria e Monforte ascenden a case 2.500 euros por municipio, e Chantada recibe algo máis de 1.900 euros. Hai subvencións de case 1.450 euros para Láncara, Pantón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada. Pola súa banda, O Páramo e A Pobra do Brollón contan con case 800 euros cada un.