En tempos de crise económica e sanitaria, segue habendo espazo para iniciativas solidarias en prol do ben común. O grupo adegueiro Vinigalicia, con sede en Chantada, vén de facer unha doazón de 18.000 euros á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, co fin de apoiar o estudo sobre a covid-19 que está a liderar esta institución a nivel mundial.
DESTINOU O 3% DAS VENDAS DO CONFINAMENTO A APOIAR O TRABALLO DOS CIENTÍFICOS
O importe doado procede do 3% das vendas que Vinigalicia facturou nos supermercados durante os meses de confinamento. Dende a adega chantadina salientaron que esta contribución económica á ciencia “foi posible grazas a todas as persoas que durante o estado de alarma continuaron cos seus hábitos de consumo e incluíron referencias Vinigalicia no seu carros da compra”.
IMPORTANCIA DA DOAZÓN Á INVESTIGACIÓN MÉDICA DENDE A EMPRESA PRIVADA
O traballo que realiza a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica é “dun valor incalculable”, segundo afirmou o CEO de Vinigalicia, Juan Luis Méndez Rojo, na visita que realizou a mediados de xullo ás instalacións desta entidade. O adegueiro chantadino salientou que “debemos ser solidarios”, e apostou porque a empresa privada en España sexa consciente “da importancia da doazón, como se leva facendo dende hai décadas noutros países”. Méndez Rojo apuntou que este é “un compromiso que debemos asumir non só nas circunstancias actuais, senón tamén no futuro”, e lembrou “o compromiso” do grupo adegueiro chantadino nesta liña.
LÍDER EN XENÉTICA
Na súa visita á Fundación de Xenómica, Méndez Rojo estivo acompañado polo director deste organismo, Ángel Carracedo, investigador de prestixio internacional no eido da xenética, á fronte do grupo de Medicina Xenómica do Sergas. O doutor Carracedo atesoura unha ampla traxectoria na investigación xenética, ademais de continuar co seu labor docente como catedrático de Medicina Legal na Facultade de Medicina da USC. Foi presidente da Sociedade Internacional de Xenética Forense, e na actualidade dirixe importantes proxectos internacionais. •