•O ciclo «Palabras Molladas» remata o xoves 30 de xullo coa intervención do arqueólogo Xurxo Ayán

O xoves 30 de xullo celebrarase a última das tres charlas que integran o ciclo «Palabras Molladas», unha iniciativa que mestura a divulgación arqueolóxica coa degustación dos viños de Vilachá de Salvadur con Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Olga Novo, o arqueólogo Xurxo Ayán fará un adianto das conclusións da campaña arqueolóxica que está dirixindo no emprazamento de Os Conventos. Ayán compartirá cos asistentes unha degustación do viño Val do Frade
UNHA VIAXE NO TEMPO CUN VIÑO NA MAN
A serie arrancou o día 22, da man de Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, coa charla titulada «Veraneantes nos castros das Rías Baixas». Rodríguez falou sobre como evolucionaron as relacións entre os habitantes do Mediterráneo e a poboación de Galicia e do noroeste peninsular dende a Idade de Ferro ata o presente. A charla desenvolveuse en paralelo á degustación, por parte dos asistentes, do viño O Tolo do Xisto.
ARQUEOLOXÍA E COMUNIDADE, CON DOCUMENTAL E VIÑO
A segunda sesión do programa «Palabras Molladas» tivo como protagonista á arqueoloxía comunitaria. Juan Pablo López compartiu cos asistentes as conclusións do proxecto «Terra Levis» da Serra de Ávila, que mesturou arqueoloxía, comunidade e medio rural. Na sesión, proxectouse a curta documental «Nos quedamos», con degustación simultánea do viño de Acivro.
A CULTURA, A TOPE NO VERÁN DA POBRA
A serie de charlas arqueolóxicas maridadas con viño é unha iniciativa do proxecto Adegas na Memoria e o Concello da Pobra do Brollón, vinculada á campaña arqueolóxica que se está a desenvolver en Os Conventos, na parroquia de Vilachá. Esta proposta reforza a intensa programación cultural deste municipio, ao tempo que pon en valor o seu legado patrimonial.•