A inauguración será o sábado 8 de agosto, ás 20:00 horas, cunha cata de viño e degustación de produtos locais
O singular conxunto etnográfico das adegas de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, converterase por uns días nun espazo expositivo.
INAUGURACIÓN O 8 DE AGOSTO CON CATA E DEGUSTACIÓN
A mostra cos traballos presentados ao V Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra -Viticultura Heroica vaise inaugurar no Museo Etnográfico do Viño das Adegas de Vilachá de Salvadur. O acto de apertura da mostra será o sábado 8 de agosto, ás 20:00 horas, con entrada libre.
O evento servirá para presentar a sexta edición deste concurso, que organiza a divulgadora cultural Mar López Sotelo coa colaboración do Concello de Pantón, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e Turismo Pantón.
DEGUSTACIÓN CORTESÍA DE ADEGA VAL DO FRADE, PANADERÍA HERBELLA E BULERI BULERI
Ademais de desfrutar da beleza que trasladan as instantáneas do concurso, os asistenten compartirán unha cata de viño mencía por cortesía da Adega Val do Frade D.O. Ribeira Sacra, maridado con produtos locais, como as empanadas e bicas cortesía de Panadería Herbella, e o extraordinario queixo negro de Buleri Buleri.
Dende a organización, precisaron que é obrigatorio a utilización de máscara, aínda que o evento se celebrará ao aire libre.
Este acto cultural é unha boa oportunidade, segundo destacou Mar López Sotelo, para coñecer a beleza deste conxunto de adegas milenarias, e os atractivos naturais da súa contorna. •