A finais de agosto, Ribas de Sil afondará na recuperación do seu patrimonio cultural con outro campo para a mocidade
As actividades para dinamizar o Camiño de Santiago ao seu paso por Triacastela centraron o programa do campo de voluntariado «Os campos do Camiño», que se desenvolveu neste municipio lucense do 29 de xullo ao 9 de agosto.
INFORMACIÓN AOS PEREGRINOS
Durante a súa estancia en Triacastela, os mozos e mozas que participaron no campo de voluntariado ofreceron información aos peregrinos sobre as etapas desta ruta xacobea, así como dos servizos que poden empregar durante este itinerario.
OBRADOIROS
Ademais deste labor informativo, os mozos e mozas do campo organizado pola Xunta encargáronse de xestionar e poñer en marcha varias actividades no albergue público de Triacastela. Deste xeito, dinamizaron a parada dos peregrinos con obradoiros, coloquios e charlas sobre temas vinculados á cultura xacobea e á experiencia da peregrinación.
WEB-APP SOBRE CAMPOS DO CAMIÑO
As novas tecnoloxías tamén serviron como ferramenta para desenvolver actividades de interese. Os voluntarios, chegados de diversos puntos de Galicia, puxeron en marcha unha web-app do Camiño para a difusión dos campos de voluntariado que existen nos roteiros que levan a Compostela.
Como no resto de campos de voluntariado da Xunta, os mozos e mozas desfrutaron de actividades culturais, como unha visita á Cova Eirós.
O CAMPO DE RIBAS DE SIL, MESTURA DO TRABALLO DA MOCIDADE E DAS TESTEMUÑAS DOS MÁIS VELLOS
Pola súa banda, a Xunta, en colaboración co Concello de Ribas de Sil, organiza a finais de agosto o campo de voluntariado «Alejandrina Álvarez», para mocidade de 18 a 30 anos. Os voluntarios limparán a contorna da capela de San Antonio, descoberta hai dous anos no medio dunha zona boscosa, e botando man de testemuñas dos máis vellos, como a da veciña que dá nome á actividade. Ademais, os participantes realizarán o inventario dos restos que atopen.
O campo desenvolverase do 27 de agosto ao 7 de setembro.•