Tralas actuacións de Two in the Mirror e Pequeña Gran Compañía, o mes despedirase co concerto do dúo coruñés #DosEnPunto
O Círculo Saviñao continúa coa súa axenda cultural para os meses de verán. O 15 de agosto, a terraza da asociación recreativa de Escairón acolleu a actuación de Two in the Mirror, o dúo vigués integrado por Noelia Álvarez e Paco Dicenta. Na sesión, os intérpretes achegaron temas do seu último disco, titulado “Inventario”, ademais de traer á escea temas das grandes bandas de rock-pop, como U2, e de artistas de talla internacional como Steve Wonder, entre outros. A gran calidade técnica dos intérpretes derivou nun concerto de gran emoción, que cautivou ao público asistente nunha velada máxica.
A música voltou á terraza do Círculo Saviñao o sábado 22, da man do dúo Pequeña Gran Compañía. O arxentino Sergio Ariel Rodríguez Riarte, con guitarra e voz, e a cubana Amor Herrera, que ademais de cantar acompañou co trombón e a percusión, encheron de sons latinoamericanos o espazo lúdico de Escairón. Ritmos cubanos e temas modernos da música arxentina e española integraron o seu repertorio, que foi moi aplaudido pola concorrencia.
A última xornada musical do Círculo Saviñao en agosto estará a cargo dos coruñeses Carlos Bau e Hugo Torreiro, membros do dúo #DosEnPunto, que traerán o seu “galletón”, un estilo do que din que “non é folk, nin pop, nin música tradicional, nin reggaetón, nin rumba nin cumbia… aínda que leva un chisco de cada un destes estilos”. Ademais de presentar temas propios, ofrecerán un concerto en formato eléctrico, a través dos grandes éxitos do pop español dos anos 80 e 90.