O conxunto disporá dunha nova aula, vestiarios anexos, un baño adaptado e unha sala de instalacións

O monfortino IES A Pinguela contará con novas instalacións na área de talleres, destinada ao alumnado dos ciclos formativos. A Xunta adxudicou as obras de ampliación e reforma desta área, por un importe de case 200.000 euros. Segundo precisaron dende Educación, os traballos desenvolveranse entre setembro e mediados de novembro, “sempre baixo as máximas medidas de seguridade”, para poder compatibilizalas coa normal marcha do curso escolar.
DETALLE DAS OBRAS
O proxecto adxudicado permitirá habilitar unha nova aula no edificio de talleres, mediante un forxado a dobre altura con apertura de fiestras nunha fachada. Así mesmo, cambiarase a carpinteiría e a ventá da outra fachada, ademais de modificar os tabiques da planta superior dos talleres para dar acceso á nova aula. O patio anexo cubrirase cunha cuberta lixeira sobre unha estrutura de perfís metálicos. O proxecto inclúe a construción de vestiarios anexos ao pavillón, un baño adaptado, un despacho e unha sala de instalacións.
DOUS NOVOS CICLOS DE FP DUAL
Dende a Consellería salientaron que as obras responden á maior demanda de espazo no institituo monfortino, que vén de incorporar o novo ciclo de grao medio en Calzado e complementos de moda, e o de grao superior en Estilismo e dirección de peiteado, ambos dentro da FP Dual.