A Xunta aprobou achegas para apoiar os proxectos de cinco particulares e de tres concellos

O Camiño de Inverno vén de sumar máis achegas institucionais, neste caso para a súa mellora paisaxística. O Executivo autonómico aprobou recentemente máis de 88.000 euros en subvencións, que apoian proxectos liderados por cinco particulares e tres municipios. As achegas custean un máximo do 75% do investimento en accións que melloren o impacto visual dentro desta ruta xacobea, ou que supoñan a restauración de bens do patrimonio etnográfico de Galicia.
MONFORTE, O SAVIÑAO E A POBRA DO BROLLÓN, OS TRES MUNICIPIOS CON ACHEGAS
Dentro dos proxectos municipais, os beneficiados son os concellos de Monforte de Lemos, O Saviñao e A Pobra do Brollón, cun total de 41.200 euros. Na Pobra, o proxecto subvencionado inclúe a conservación da Ponte de Barxa e a pavimentación do tramo do Camiño de Inverno que discorre por este municipio. En Monforte, a achega apoia o embelecemento e mellora do entorno do centro social de Reigada. Pola súa banda, en O Saviñao cofinanciarase a adecuación do entorno da escola de Montecelo-Diomondi.
ARRANXO DE MUÍÑOS, HÓRREOS E MUROS DE PECHE POR PARTICULARES
Na liña de subvencións a particulares, a Xunta aprobou 47.100 euros a repartir entre cinco proxectos para arranxar elementos como muíños, muros de peche e hórreos. Dous destes proxectos están en Chantada, e os tres restantes localízanse nos concellos de Quiroga, Monforte de Lemos e Pantón.