Nos dous meses de verán, esta oficina informativa móbil da Xunta percorreu 23 concellos galegos, con parada en Monforte de Lemos e Sarria
Os atractivos e recursos turísticos da nosa comunidade centraron a campaña “Galicia, destino seguro”, unha iniciativa da Xunta para concienciar a veciños e visitantes sobre as posibilidades de Galicia para desfrutar das vacacións con garantías. En total, a unidade móbil en forma de oficina de turismo percorreu 23 concellos, entre eles Monforte de Lemos e Sarria, acumulando máis de 5.300 visitas durante xullo e agosto.
INFORMACIÓN A MÁIS DE 200 PERSOAS DE MEDIA AO DÍA
Cunha media de 215 visitantes ao día, esta oficina de turismo itinerante deu a coñecer os atractivos de Galicia como destino ideal dentro da nova normalidade, tendo en conta os piares da oferta turística, como son o Camiño de Santiago, a natureza, a enogastronomía, a paisaxe e o patrimonio cultural.
A campaña formou parte do Plan de Reactivación do sector cultural e turístico que a Xunta puxo en marcha para ofrecer seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e cidadáns da comunidade no actual escenario.