O servizo axudará a detectar e tratar posibles trastornos no desenvolvemento dos cativos de 0 a 6 anos
A finais deste mes, estará operativa a Unidade de Atención Temperá de Quiroga, un servizo multidisciplinar para atender á infancia e tratar a tempo os trastornos no desenvolvemento que poidan manifestar os nenos e nenas de ata 6 anos.
CONSULTA A TRAVÉS DO PEDIATRA, OU POR SOLICITUDE DOS COLEXIOS E DAS PROPIAS FAMILIAS
A presentación do equipo de profesionais que traballarán nesta unidade tivo lugar o 4 de setembro. No acto, ao que asistiron o alcalde, Julio Álvarez, e a concelleira de Educación e Infancia, Loli Sánchez, déronse a coñecer as características deste novo servizo, único no sur de Lugo e o cuarto que se pon en marcha na provincia. A Unidade de Atención Temperá localizarase no edificio do Centro Social, e funcionará por derivación do servizo de Pediatría, encargado de detectar os posibles casos que requiran atención específica. Así mesmo, os centros educativos e as propias familias poderán solicitar este servizo de forma directa. Os nenos e nenas serán atendidos polo equipo da Unidade, integrado por un psicólogo, un logopeda e un fisioterapeuta, especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.
Dende o Concello de Quiroga valoraron a posta en marcha desta Unidade de Atención Temperá, para o que se dispuxo dunha achega de 12.296 euros da Xunta.