Arrancou o curso escolar coa vista posta na prevención fronte á covid-19

•O Concello de Monforte enviou aos centros educativos 22.000 mascarillas •No Incio, o Concello agasallou aos escolares do colexio público con bolsas personalizadas para gardar pertenzas e máscaras

A imaxe do interior do CEIP Ricardo Gasset do Incio repítese en todos os centros escolares: indicacións estritas para moverse e organizarse evitando contaxios. GPCI

O 10 de setembro, comezou o curso escolar nos niveis de Educación Infantil e Primaria. Ademais dos desafíos académicos que se presentan, os centros afrontan o reto da seguridade sanitaria. Todo a un tempo e botando man de moito traballo dos equipos directivos para resolver da mellor forma posible o arranque dun curso atípico e cheo de incógnitas.

DISTRIBUCIÓN DE PERCORRIDOS
O aspecto interior dos colexios cambiou bastante dende que os escolares abandonasen as aulas precipitadamente a mediados de marzo. O decreto do estado de alarma obrigou a continuar dende a casa as tarefas escolares, e neste curso haberá que actualizar os contidos que quedaron pendentes. Este ritmo novo irá acompañado por unha nova disposición das aulas e corredores, cheos de marcadores coloreados para garantir desprazamentos seguros dentro dos colexios.

As riñoneiras personalizadas que o Concello do Incio regalou aos escolares do colexio público para axudarlles a asumir as normas anti-covid 19. Cada bolsa ten a cor da aula que lle corresponde a cada alumno. GPCI

BOLSAS PARA GARDAR A MÁSCARA NO XANTAR
Nas aulas, tratarase de manter a distancia de seguridade ou os grupos pechados, para evitar no posible o contacto entre o alumnado. Co fin de facilitar aos máis cativos a incorporación a este estrano curso, o Concello do Incio regalou bolsas personalizadas a cada un dos 24 alumnos e alumnas do CEIP Ricardo Gasset. As bolsas, con forma de riñoneira, servirán para que os rapaces manteñan as súas pertenzas consigo, sen mesturalas coas dos compañeiros. Ademais, dentro da riñoneira hai unha bolsiña para gardar as máscaras cando vaian ao comedor.

10 MÁSCARAS POR ALUMNO EN MONFORTE
Pola súa banda, o Concello de Monforte enviou aos centros escolares 22.000 máscaras, que se repartiron o primeiro día de clase. O alumnado de Infantil e Primaria recibiu 12.180 unidades da súa talla, e o alumnado de ESO, do Conservatorio e da Escola Municipal de Música contarán con 9.710 unidades de talla adulto. Cada alumno escolarizado en Monforte recibirá un total de 10 máscaras. •

•A XUNTA ENVIOU MATERIAL DE PROTECCIÓN ÁS ESCOLAS INFANTÍS E CASAS NIÑO DO SUR DE LUGO

As escolas infantís e casas niño das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada recibiron, a comezos de setembro, varios lotes con material de protección fronte á covid-19. Os envíos realizáronse tanto aos centros públicos como privados, así como aos Puntos de Atención á Infancia (PAI) destas comarcas.

CASE 15 CENTROS INFANTÍS PÚBLICOS E PRIVADOS RECIBIRON ESTE MATERIAL
En conxunto, o envío realizado pola Xunta a comezos de setembro estivo integrado por 12.500 unidades a repartir entre 30 centros das tres comarcas referidas. Case a metade corresponde a centros de atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos, e o resto son residencias, vivendas tuteladas e espazos para o coidado de maiores e persoas con discapacidade. En cifras totais, este envío incluía 5.600 luvas e 6.600 máscaras e pantallas faciais, xunto a batas, mandís, xel hidroalcohólico e recipientes con desinfectante.

REFORZAR A SEGURIDADE DOS TRABALLADORES E DOS USUARIOS DOS CENTROS
Dende a Xunta salientaron a vontade do Executivo galego de colaborar con todos os centros, públicos e privados, que prestan servizos sociais nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. O obxectivo é reforzar a seguridade tanto dos profesionais que desenvolven o seu traballo nestes centros como a dos propios usuarios.
Dende abril, enviáronse dende a Xunta 271.000 unidades con destino a estes centros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober mantén o servizo Concilia durante este curso

Seguinte Nova

Kits de máscaras con estoxo para empezar o curso en Sober

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: