Resérvase o 7% da partida xeral para o deporte adaptado

A Área de Deportes da Deputación de Lugo, dependente da Vicepresidencia, vén de aprobar a comezos de setembro unha liña de bolsas para recoñecer o esforzo de deportistas que compitan en modalidades individuais.
BOLSAS ENTRE OS 300 E OS 1.500 EUROS POR DEPORTISTA SEGUNDO OS RESULTADOS ACADADOS
O montante global da partida ascende a 85.500 euros, que se repartirán entre 185 deportistas da provincia de Lugo. Os importes de cada bolsa oscilarán entre os 300 e os 1.500 euros, segundo os resultados acadados en competicións internacionais, estatais e galegas durante a anualidade de 2019.
RESERVADO O 7% DA PARTIDA PARA ATENDER Á DIVERSIDADE
Sete bolsas irán destinadas a deportistas con capacidades diferentes, o que supón un 7% do importe xeral da partida.
APOIAR A CARREIRA DOS DEPORTISTAS MÁIS DESTACADOS
Segundo destacou o deputado responsable da Área de Deportes, Efrén Castro, esta liña de axudas «achega fondos a algúns dos deportistas máis destacados da provincia, contribuíndo ao desenvolvemento da súa carreira».
Castro precisou que o prazo de solicitude das bolsas comezará unha vez se publique este mes a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. •