O musicólogo ofrece unha charla-concerto o venres 18 de setembro en Salcedo
O local social de Salcedo, na Pobra do Brollón, acollerá este venres día 18 unha charla-concerto de Abraham Cupeiro. A partir das 20:30 horas, o musicólogo sarriao interpretará temas do seu disco “Pangea”, empregando máis de 20 instrumentos ancestrais de todo o mundo. O disco, que interpretou xunto á Royal Philarmonic Orchestra de Londres, foi gravado co selo Warner Classics a finais do ano pasado.
A velada musical servirá para facer unha viaxe no tempo a través de singulares instrumentos ancestrais de varias partes do mundo. Cupeiro, que foi cualificado como “o home que resucita a música da Prehistoria”, amosará aos asistentes as características culturais e sonoras de instrumentos procedentes de lugares tan diversos como China ou o Amazonas. Da man do multiinstrumentista sarriao, o público coñecerá como soaba o karnyx, trompeta celta da Idade do Ferro, ou o duduk, que procede do leste de Europa.
A entrada é libre ata completar aforo, respectando as medidas hixiénico-sanitarias e co uso obrigatorio de máscara. A charla-concerto está organizada polo Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo.