A exposición “Facer Camiño” fai parada en Lugo ata outubro

O Museo Provincial acolle a mostra itinerante da Real Academia Galega de Belas Artes, cun achegamento á ruta xacobea por parte de doce dos artistas galegos actuais máis representativos

Inauguración no Museo Provincial de Lugo da mostra itinerante «Facer Camiño», o pasado 17 de setembro. GPVDL

Ata o 4 de outubro, pode verse no Museo Provincial de Lugo a exposición “Facer Camiño”, organizada pola Real Academia de Belas Artes de Galicia, coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Esta iniciativa, que está a percorrer varios espazos da nosa comunidade, chega a Lugo cun total de 23 obras de diverso formato, que inclúen fotografía, pintura ou escultura, asinadas por doce dos artistas máis importantes do panorama galego, membros tamén da Real Academia de Belas Artes. O obxectivo desta exposición é estreitar os vínculos entre o mundo cultural e o Camiño de Santiago. Como destacou a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na apertura da mostra en Lugo, “os Camiños de Santiago son fundamentais para entender a construción da nosa cultura”.

LUGO, TERCEIRA PARADA DA EXPOSICIÓN NUN ITINERARIO DE OITO VILAS E CIDADES GALEGAS

A relación de artistas representados na mostra, comisariada por Asunta Rodríguez, inclúe a Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado. As pezas destes artistas xa puideron verse en Vigo e A Coruña. Logo de parar en Lugo, a exposición continuará o seu percorrido por Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Mondoñedo, vila que sempre estivo vinculada ao territorio histórico dos roteiros xacobeos.

Á inauguración da mostra no Museo de Lugo o 17 de setembro, asistiron o presidente da Real Academia de Belas Artes de Galicia, Manuel Quintana Martelo, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, ademais da directora do Museo, Aurelia Balseiro.

ACCESO SÓ CON CITA PREVIA, E VISITAS GUIADAS DE MAÑÁ E TARDE

O protocolo de seguridade hixiénico-sanitario establece a obrigatoriedade de usar máscara e manter a distancia de seguridade durante as visitas á exposición. Ademais, a única vía para acceder ao Museo para ver a mostra é con cita previa, que pode solicitarse no teléfono 982 24 21 12 ou a través da dirección electrónica concertampl@gmail.com.

O Museo Provincial está aberto de luns a venres, en horario de 9:00 a 21:00 horas, e nas fins de semana abre os sábados de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 horas, e os domingos e festivos de 11 a 14 horas. O Museo ofrece cinco visitas guiadas á exposición “Facer Camiño” polas mañás, ás 9:00, 9:30, 10:00, 10:30 e 11:00 horas, e outras tantas en horario de tarde, ás 16:00, 16:30, 17:00, 17:30 e 18:00 horas.

CONFERENCIA SOBRE O ROMÁNICO NA PROVINCIA PARA COMPLEMENTAR A EXPOSICIÓN

Dentro das actividades complementarias á exposición “Facer Camiño”, haberá unha conferencia sobre o románico da provincia de Lugo, a cargo de Ramón Yzquierdo Perrín, doutor en Historia da Arte, e coa participación de Ana Goy Diz, doutora e profesora de Historia da Arte na Universidade de Santiago. A conferencia terá lugar o xoves 24 de setembro, ás oito da tarde, no Pazo de San Marcos de Lugo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O colexio de Sober terá unha aula anti-covid grazas á doazón da empresa Pulviplass

Seguinte Nova

O Xeoparque Montañas do Courel pon por escrito o seu plan de futuro

A %d blogueros les gusta esto: