O Xeoparque Montañas do Courel pon por escrito o seu plan de futuro

• A Asociación integrada polos tres Concellos deste territorio presentou o Plan de Sostibilidade, para optar a unha axuda estatal de 3 millóns de euros

Presentación do Plan de Sostibilidade do Xeoparque. No centro, o presidente da Asociación Xeoparque, Roberto Castro. De esquerda a dereita: Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel e redactor do Plan; Lola Castro, alcaldesa de Folgoso; Roberto Castro, tenente-alcalde de Ribas de Sil; Julio Álvarez, alcalde de Quiroga; Miguel Sotuela, alcalde de Ribas de Sil; José Manuel Arias, presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel. EC

• Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso, Concellos promotores desta iniciativa, apostan por sacar adiante as medidas fixadas no Plan, “con ou sen axudas”, porque “o territorio o necesita”

A andaina do Xeoparque Montañas do Courel para promover este territorio vén de dar un novo chanzo, moi importante porque suporá “a folla de ruta” do futuro dos tres concellos a el vinculados. Así o expresou o presidente da Asociación promotora do Xeoparque, Roberto Castro, na presentación do Plan de Sostibilidade, un documento elaborado para optar a unha achega do Ministerio de arredor de 3 millóns de euros, e no que se achegan unha serie de medidas que os Concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel pretenden levar a cabo “con ou sen esta axuda económica”.

APROVEITAMENTO DOS MOITO QUE XA HAI, E MELLORALO
Segundo explicou Castro, o plan elabora unha estratexia para desarrollar o turismo nesta comarca “con toda a ilusión do mundo pero cos pés na terra”. De aí que a sustancia do documento estea centrada no aproveitamento dos recursos xa existentes, “que hai de sobra”, para poñelos en valor.

HARMONÍA NO TRABALLO CONXUNTO DOS TRES CONCELLOS
Tamén se definen no documento as accións que xa foron poñendo en marcha estes tres concellos nos últimos anos “traballando conxuntamente”, nunha boa harmonía que quedou ben patente na presentación do Plan de Sostibilidade. Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, destacou o espírito de “colaboración” dos tres Consistorios, e desexou “boa sorte” ao proxecto. Así mesmo, o rexedor quirogués, Julio Álvarez, transmitiu a súa “admiración” por unha iniciativa que será “unha garantía de futuro para os nosos fillos e netos”. Pola súa banda, o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, amosou a súa confianza en que as administracións que deciden a axuda sexan tamén “sensibles” aos valores deste Plan. Por último, José Manuel Arias, presidente do GDR Ribeira Sacra -Courel, destacou o dinamismo destes tres Concellos ao longo dos últimos anos, e que culmina nesta iniciativa “mirando para o futuro e apostando polo rural”.

EIXOS DE ACCIÓN
Segundo explicou Martín Alemparte, xerente do GDR e redactor do documento, o Plan artellouse remontándose aos catro elementos cos que a filosofía presocrática definía a natureza: auga, aire, terra e fogo. As accións do Plan agrúpanse en torno a estes catro eixos, con referencia aos 230 xacementos arqueolóxicos, os miradoiros, as actividades náuticas, barranquismo e parapente, entre outras. O Plan estaría aprobado a finais deste ano, para desenvolverse ata finais de 2023.•

• EIXOS DO PLAN: MELLORAR A ACCESIBILIDADE E A MOBILIDADE NOS RECURSOS XA EXISTENTES

A mellora da accesibilidade e da mobilidade nos abundantes recursos que xa hai no Xeoparque, protagonistas das accións do Plan de Sustentabilidade presentado o 20 de setembro. EC

OBXECTIVOS DO PLAN

• Consolidar o Xeoparque como un destino turístico sostible
• Mellorar a calidade de vida da veciñanza dos tres municipios
• Mellorar a experiencia turística dos visitantes
• Fixar poboación a través da xeración de riqueza pola actividade turística
• Potenciar a Rede Natura, os xacementos e os 38 Bens de Interese Cultural que hai no territorio

ACCIÓNS PREVISTAS
• Adecuar a contorna dos 20 miradoiros que hai no Xeoparque, mellorando os accesos e a mobilidade
• Mellorar a accesibilidade ás seis zonas nas que se pode praticar parapente
• Xeoparque como destino Starlight: Organizar xornadas de divulgación e de observación de estrelas, aproveitando a baixa contaminación lumínica
• Traballar a accesibilidade e a mobilidade na ruta de barranquismo. Máis sinalización e divulgación destes enclaves. Solicitar que a Xunta conceda ao Xeoparque a xestión directa dos permisos de barranquismo.
• Acondicionar a contorna das zonas de baño.
• Mellorar as posibilidades que dan os ríos do Xeoparque para o desfrute de actividades náuticas deportivas e de lecer, en augas tranquilas e bravas
• Renovar os accesos e a mobilidade aos 9 enclaves da minería aurífera, mellorando a súa interpretación
• Garantir o mantemento da Devesa da Rogueira, e mellorar os accesos
• Preservar, potenciar e divulgar as 4 microrreservas de orquídeas, que fan do Xeoparque un produto exclusivo dentro do ecoturismo
• Divulgar a singularidade das denominadas “Aldeas Paleozoicas”, a través das rochas autóctonas das edificacións máis senlleiras
• Desenvolver un programa de concienciación e formación da poboación local
• Analizar a capacidade de carga (é dicir, cantos visitantes pode asumir cada enclave)
• Implantar a certificación de calidade turística SICTED
• Preservar a Ruta das Alvarizas
• Aproveitar os 37 kms do Camiño de Inverno dentro do Xeoparque como vía de promoción
• Crear o Club de Enoturismo para comercializar o destino fóra de España
• Aplicar as TIC’s ao turismo sostible
• Fomentar a gastronomía e os produtos locais

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A exposición “Facer Camiño” fai parada en Lugo ata outubro

Seguinte Nova

Diminúe o ritmo de novos contaxios por coronavirus en Galicia

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: