O emprendemento no sur de Lugo segue a ter premio. A Asociación Semente Monforte entregou os galardóns aos mellores proxectos presentados á súa sexta edición, nun acto semipresencial que se celebrou o sábado 26 de setembro.
SELECCIÓN DE ENTRE CASE 90 IDEAS
Os proxectos galardoados destacaron pola súa innovación, e por basearse na economía circular e no desenvolvemento sostible. O primeiro premio desta quenda correspondeu ao proxecto denominado Recovery Blood, que propón a revalorización do sangue e doutros subprodutos da industria cárnica. En segundo lugar, o xurado recoñeceu ao proxecto presentado como Trasdeza Natur, adicado á transformación de produtos de horta con selo ecolóxico. O terceiro e último premio foi para Timber Soul Innovations, destinado á construción con madeira local. En total, a edición número seis dos premios Semente Monforte recibiu 87 propostas.
20.000 EUROS REPARTIDOS EN TRES PREMIOS
Os dez proxectos finalistas desta edición foron presentados por videoconferencia ao xurado reunido no Parador de Monforte. Xa pola tarde, logo da valoración, os responsables da Asociación Semente de Monforte deron a coñecer en redes sociais o nome das ideas merecedoras dos tres premios, de 10.000, 7.000 e 3.000 euros, respectivamente.
Na entrega dos premios estivo presente o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, que destacou as posibilidades do rural para emprender, incluso nas actuais circunstancias. «Monforte e a Ribeira Sacra non paran, e Galicia tampouco», salientou o titular autonómico.•