
Os recursos turísticos da Ribeira Sacra veranse mellorados cunha nova intervención municipal. O Concello de O Saviñao vén de contratar a finais de setembro as obras para a remodelación completa do miradoiro do Cabo do Mundo. A financiación dos traballos será compartida entre o Consistorio e a Xunta de Galicia. Está previsto que o proxecto quede executado no prazo dun mes dende o inicio das obras.
PROXECTO INTEGRAL
O alcalde de O Saviñao, Carlos Armesto, destacou que a actuación no miradoiro será «integral». O proxecto contempla o arranxo completo deste recurso turístico, «que recibe moitos visitantes pero que non está nas condicións óptimas». Armesto detallou que se vai instalar unha pasarela para mellorar a experiencia de contemplar o espectacular meandro do río Miño. «Volaremos máis de 20 metros», afirmou Armesto. Os traballos inclúen a colocación dun panel interpretativo, así como a adaptación do camiño de acceso.
«Damos este paso para pór en valor o noso patrimonio natural como elemento dinamizador da nosa economía local», salientou o rexedor. •