Os restos arqueolóxicos atopáronse a pouca profundidade, revelando moitos datos sobre a configuración dun importante enclave romano do alto imperio.




Sober estase a converter no novo foco de investigación arqueolóxica no sur de Lugo. A comezos deste mes, a escavación que se levou a cabo na parroquia de Proendos vén de sacar á luz, en apenas dez días, un conxunto de restos que confirman, segundo o alcalde de Sober, “que a lenda da mítica Proencia é unha realidade”.
DENDE A ÉPOCA CASTREXA ATA A MEDIEVAL
A escavación, localizada na contorna da casa reitoral de Proendos, revelou a existencia dun importante enclave romano da época do Alto Imperio, ademais de apuntar a unha época anterior e tamén á evolución deste núcleo xa na Idade Media.
XACEMENTO CON ESTRUTURAS DE VALOR
Os indicios da presenza dun posible foso defensivo remontan á cultura castrexa, sobre a que se implantou a complexa estrutura romana. Este conxunto altoimperial amosa un sistema termal complexo e extenso, ademais de varias estruturas relacionadas con usos e servizos públicos. O achado romano revela tamén posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana e incluso estruturas funerarias e un hipocausto, estancia oca que se construía debaixo dos cuartos e os baños para a circulación do aire quente. Destaca unha hipotética horrea romana, un espazo de almacenaxe de cereais que, de confirmarse, sería a máis grande atopada en Galicia, e a primeira vinculada a unha vila romana.
Xa de época medieval serían as posibles tumbas e elementos funerarios que tamén se identificaron na escavación de Proendos.
Os traballos están a cargo da empresa Tempos Arqueólogos. •