Quiroga inaugurou por fin o Centro de Día no barrio da Ribeira

A pandemia aprazou varios meses o acto oficial de apertura destas instalacións, que ofrecen servizos polivalentes, ademais da atención aos maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, descobren a placa inaugural do Centro de Día da localidade. No acto participou o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, o pasado 30 de setembro.

O Centro de Día de Quiroga abriu as súas portas de forma oficial, logo do acto de inauguración que se celebrou o 30 de setembro. O evento foi aprazado varios meses por mor da pandemia, aínda que o edificio xa estaba listo en novembro pasado. O descubrimento da placa inaugural correu a cargo da conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, nun acto no que actuou como anfitrión o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e ao que tamén asistiu o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo.

SERVIZOS POLIVALENTES
As instalacións do Centro de Día forman parte do edificio multiusos do barrio da Ribeira. Segundo os responsables municipais, o Centro é unha unidade moderna que non só atende aos maiores, senón que tamén ofrece servizos de enfermaría, atención social, terapia ocupacional, atención psicosocial, e servizo de fisioterapia para a prevención da inmobilidade.

ATENCIÓN PERSONALIZADA
O plantel técnico está formado por un equipo multidisciplinar de especialistas, que ofrecen unha atención individualizada a través de programas adaptados ás necesidades dos usuarios, e que lle permitan desenvolver as actividades máis axeitadas e no maior número posible.

SERVIZOS EXTERNOS BAIXO DEMANDA
Xunto a estes programas, o Centro de Día propón servizos externos e complementarios segundo a demanda dos usuarios. Nesta carta de servizos inclúense o transporte e recollida a domicilio, o servizo de manutención e dietas, perruquería, podoloxía ou aseo especial.

25 PRAZAS
En canto á ocupación, o número de usuarios é variable, pois está aberto de xeito permanente o prazo de novas incorporacións, ata cubrir as 25 prazas do coas que está dotado o Centro de Día.

O CENTRO DE DÍA: UNHA “LONGA ASPIRACIÓN” DO GOBERNO LOCAL E CONSENSUADO CON TODOS OS PARTIDOS

No acto de apertura oficial destas instalacións, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, mencionou na súa intervención os principais fitos no camiño para abrir as portas deste servizo á veciñanza quiroguesa e de toda a comarca do Courel.

UN “LONGO PROCESO” CON “NUMEROSOS OBSTÁCULOS”
Álvarez salientou que o Centro de Día foi “unha longa aspiración” do equipo de Goberno que preside dende hai varias décadas. O rexedor local recoñeceu os “numerosos obstáculos” que o seu equipo xestor á fronte do Consistorio tivo que sortear ata ver este proxecto convertido nunha realidade. “Foi un longo proceso coa meta de ofrecerlle aos maiores da nosa comarca a posibilidade de permanecer máis tempo no seu domicilio cando se dificulta o valerse por un mesmo”, salientou.
Aínda que Álvarez está á fronte dunha das maiorías absolutas máis afianzadas da provincia de Lugo, o rexedor recoñeceu o consenso político neste asunto. O alcalde popular lembrou que o Centro de Día “é un servizo consensuado por todos os partidos”, xa que “tanto para a súa posta en marcha como para o seu seguimento, conta cunha Comisión con representación de todos os grupos, que se reúne periodicamente para constatar o seu bo funcionamento”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Comezan as obras para construír a glorieta no cruce de Bóveda

Seguinte Nova

A veciñanza da parroquia pantonesa de Tribás xa conta con rede de abastecemento de auga

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: