Tras superar por primeira vez desde o comezo da pandemia os 7000 casos activos de Covid-19, con 140 novos falecementos no que levamos de outubro
Aínda que comparativamente co resto do Estado, a situación de Galicia é positiva, non é menos certo que o número de contagios viuse fortemente incrementado nas últimas semanas, alcanzando cifras diarias de novos contaxios que mesmo chegaron o 24 de outubro aos 690, cifras que non se viron durantes os meses de marzo e abril.
Tamén se incrementaron de forma considerable o número de ingresos hospitalarios e en UCIS, aínda que, de momento, sen alcanzar os niveis que saturaron o sistema sanitario na pasada primavera. Con todo, é evidente que de non cortar esta curva crecente de novos casos, é previsible que a unhas semanas vista, poida complicarse a situación asistencial hospitalaria.
Á vista desta situación e das medidas adoptadas polo Goberno Central, co decreto dun novo estado de alarma, cunha duración estimada para o próximos seis meses, a Xunta, e no seu nome O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que Galicia restrinxirá a mobilidade entre as once da noite e as seis da mañá, cumprindo deste xeito a normativa estatal. Segundo confirmou Comesaña, o comité clínico considerou que este horario é suficiente, tendo en conta que toda a Comunidade está cumprindo o nivel 2 de restricións desde hai unha semana e que se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas, coas consabidas excepcións en determinados concellos e comarcas. Á vista desta situación, Comesaña confirmou que, se ben na xuntanza de onte do comité clínico non se decidiron novas medidas a adoptar, non se desbota a posibilidade de que na reunión do venres haxa que tomar novas decisións restritivas en función de como vai respondendo a evolución da pandemia. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, confirmou que se está a monitorizar continuamente a situación da covid-19 en Galicia, e que se esta empeora, o comité terá que actuar en consecuencia.