O de Chantada será o único parque da provincia beneficiado neste plan •A Xunta destina un total de 4 millóns de euros para mellorar a rede de distribución eléctrica nos oito polígonos
Oito parques empresariais de Galicia beneficiaranse de melloras nas súas redes de distribución eléctrica, dentro do plan que financia a Xunta con catro millóns de euros. O reforzo e extensión destas redes levarase a cabo no polígono de Os Acivros de Chantada, a única superficie industrial da provincia de Lugo que entra neste programa da Xunta.
En Ourense, actuarase nos parques de Cortegada e Vilamarín, mentres que na provincia de Pontevedra o plan beneficiará aos polígonos de Valga e Dozón. A provincia da Coruña é a que máis parques inclúe neste proxecto autonómico, cos parques industriais situados nos concellos de Vedra, Coirós e Aranga.
FINANCIA ATA O 77% DO INVESTIMENTO
Segundo apuntaron dende a Xunta, esta liña de axudas financian unha media do 77% do investimento que cada concello destina a esta ampliación da rede eléctrica. As entidades locais poderán dispoñer de anticipos de ata o 50%.
A Xunta prevé que esta inxección de achegas mobilice un investimento total de 5,2 millóns de euros. •