A mostra fotográfica recolle unha visión íntima e singular dos diversos xeitos de afrontar a ruta xacobea

O mapa xacobeo do sur de Lugo tivo un novo fito, desta volta situado en Sober. A mostra itinerante “O Fin do Camiño” detívose neste municipio para trasladar o espírito e a experiencia menos turística e máis persoal daqueles que botan a andar os itinerarios que levan a Compostela.
UN MILLÓN DE PASOS NO CAMIÑO FRANCÉS
A exposición, organizada polo Colectivo Egeria, ofreceu un percorrido fotográfico da man de dous destacados fotógrafos galegos, Eduardo Ochoa e Carlos Puga, e que “reflicte especiais visións” dos roteiros xacobeos, “arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os aspectos máis sobranceiros”.
Aspectos como “a procedencia dos peregrinos, a peregrinación en multitude ou en solitario, peregrinos singulares ou anónimos, ou o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés” son algúns dos matices que se reflicten neste proxecto fotográfico, e que van acompañados de breves glosas de firmas sobranceiras como Urbano Lugrís, Cervantes, Machado ou Cunqueiro, entre outros.
A mostra contou coa colaboración da Xunta a través do programa “O Teu Xacobeo”. •