
Máis de 255.000 euros será o importe que o Concello vai destinar á renovación integral da cuberta do Edificio Multiusos de Monforte. O inmoble acolle as instalacións do Conservatorio Municipal de Música, e da Escola Municipal de Música e Danza, ademais de ser a sede do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e doutras asociacións sociais.
UNHAS INSTALACIÓNS “MOI EMPREGADAS POLA VECIÑANZA”
O alcalde presentou o proxecto o 24 de outubro, salientando que “o orzamento, de máis dun cuarto de millón de euros, fala por si mesmo da envergadura e a importancia desta inversión”. Tomé destacou que o Multiusos é un edificio moi utilizado pola veciñanza de Monforte, “ademais de ter fácil acceso e unha ampla posibilidade de estacionamento nas súas proximidades”.
O proxecto vai resolver unha das diversas carencias que, en palabras do alcalde, ten este edificio. Neste caso, vaise redeseñar a cuberta, de teito plano, “o que resulta inadecuado para zonas de choiva como Galicia”, o que xera filtracións a pesar dos recubrimentos de illante. A reforma cambiará a estrutura cunha nova cuberta en vertentes por encima dos muros perimetrais e cun aleiro con canalón visto. •