•No convenio, o Concello do Saviñao asumiu a contratación da obra e a redacción dos informes, ademais de ceder os terreos

Na liña da colaboración cos concellos, a Deputación vén de completar unha obra que mellora a calidade de vida dos veciños do rural lucense. Desta volta, trátase do subministro de auga corrente ao cento de veciños de Santa María de Marrube, parroquia do Concello do Saviñao.
CONVENIO CO CONCELLO
O resultado das obras foi supervisado polo presidente do organismo provincial, José Tomé, a finais de outubro. O mandatario lembrou que o custe íntegro dos traballos foi asumido pola Deputación, cunha achega de 182.000 euros, a través do convenio asinado co Concello do Saviñao. Dentro do acordo, o Consistorio encargouse de contratar a obra, emitir as autorizacións e redactar as memorias correspondentes, así como da cesión dos terreos.
SERVIZO A 13 NÚCLEOS
Segundo explicaron dende a Deputación, a nova rede de abastecemento parte dende a conexión coa do núcleo urbano de Escairón, e leva auga corrente aos núcleos de A Fonxe, Castiñeiras, A Devesa, Eirexe, Felón, Mendreira, Outeiro, A Penela, Saa, Vigo, Vilameá, Vilar e Vilaseco, dentro da parroquia de Santa María de Marrube.
O presidente da Deputación aproveitou a súa visita ao Saviñao para destacar “o noso compromiso de cooperar cos 67 concellos da provincia, teñan a cor política que teñan”. O obxectivo da xestión provincial é, segundo precisou Tomé, “que os concellos poidan prestar servizos públicos de calidade e eficientes cos que mellorar a calidade de vida da veciñanza”. •