A finais de outubro, quedaba asinado na localidade ourensá de Parada de Sil o segundo Pacto pola Paisaxe que promove a Xunta de Galicia, neste caso para a Ribeira Sacra. O documento servirá para planificar accións conxuntas entre os concellos das provincias de Lugo e Ourense que integran este territorio. O fin deste plan é protexer o patrimonio natural, e converter os espazos naturais «en lugares máis sostibles», ao tempo que se compatibiliza o seu uso e a súa conservación.
No acto estivo o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. A titular autonómica enumerou algunhas das accións que se desenvolverán dentro deste Pacto, financiadas integramente pola Xunta. O Pacto inclúe a realización de murais e esgrafiados, delimitar itinerarios de interese paisaxístico, organizar eventos culturais e de ocio, ademais dunha mostra itinerante sobre a Ribeira Sacra que percorrerá toda Galicia. •