A Xunta segue «redobrando esforzos» para garantir a máxima seguridade nos centros educativos, e tamén a máxima calidade e confort nestas dependencias. Con esta finalidade, a Consellería de Cultura vén de investir arredor de 600.000 euros na rehabilitación enerxética do IES Lama das Quendas de Chantada.
«GRAN IMPLICACIÓN DO PROFESORADO E DO ALUMNADO» NA PREVENCIÓN DA COVID-19
Para supervisar o resultado das obras, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achegouse ao instituto chantadino este mes. Rodríguez destacou o traballo que se está a facer nos centros educativos de Galicia para cumprir a normativa hixiénico-sanitaria e evitar o contaxio da covid-19, «cunha grande implicación por parte do profesorado e do alumnado».
MELLORA DO EQUIPAMENTO
Na súa visita a Chantada, o conselleiro de Educación lembrou que «temos que conxugar estas actuacións específicas con outras que xa víñamos facendo como é a mellora das infraestruturas e do equipamento dos centros escolares, porque o proceso educativo non pode parar». Rodríguez precisou que a achega de case 600.000 euros que a Xunta destinou ás obras no IES Lama das Quendas permitiron mellorar a eficiencia enerxética do centro. Con este fin, colocouse un novo illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE, cambiáronse as fiestras por outras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Así mesmo, colocáronse persianas novas con illante térmico interior.
Na intervención, reparouse a cuberta do polideportivo e substituiuse o termo dos vestiarios. O proxecto global completouse coa reparación e pintado de paramentos, a renovación dos aseos e o abrillantado do pavimento de terrazo. •