As obras da cuberta do Multiusos de Monforte será sufragadas co apoio da Deputación. Esta cofinanciación materializouse no convenio asinado a mediados deste mes entre a tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o presidente da Deputación, José Tomé. A institución provincial aportará 100.000 euros dos 255.812 que supón esta obra. Os restantes 155.000 euros achégaos o propio Concello.
COLABORACIÓN PARA «O EQUILIBRIO TERRITORIAL» E «A MELLORA DA CALIDADE DE VIDA»
Logo da sinatura do convenio, Tomé salientou «o firme compromiso do Goberno provincial coa cooperación cos 67 concellos da provincia», para mellorar os servizos e as infraestruturas públicas. O mandatario socialista explicou que este tipo de acordos «aumentan a igualdade de oportunidades e a calidade de vida, ao tempo que favorecen o equilibrio territorial e o desenvolvemento económico».
FOCO DE ACTIVIDADE FORMATIVA, SOCIAL E CULTURAL DE TODA A COMARCA
Dende o Concello, destacaron os diversos servizos que se prestan no Edificio Multiusos, con servizos de carácter cultural, social e corporativo. Neste inmoble está situado o Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, así como a Escola Municipal de Música e Danza. Ademais, o salón de actos do que dispón acolle numerosos eventos sociais e culturais. O Edificio Multiusos tamén é a sede do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), e de varias asociacións e colectivos locais.
O proxecto apoiado pola Deputación suporá a reforma integral da cuberta, que en principio deseñouse con teito plano, e que está a dar problemas de humidade. Os illamentos instalados resultan agora insuficientes, xa que dende hai tempo que non se realizan melloras neste aspecto. •