•Renovouse a iluminación do pavillón deportivo e a calefacción da Casa Consistorial cunha achega do Fondo de Compensación Ambiental

O Concello de Bóveda vén de completar unha serie de actuacións que apostan pola eficiencia enerxética, ao tempo que melloran os servizos públicos e aforran cartos ás arcas municipais.
As accións agora rematadas foron financiadas pola Xunta de Galicia, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
NOVAS LUMINARIAS LED NA PISTA E NAS BANCADAS DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL
Recentemente, quedaron rematados os traballos para renovar a iluminación do pavillón polideportivo municipal, coa instalación de novas luminarias tipo LED de alta eficiencia, que permitirá aportar maior calidade lumínica para a pista de xogo e tamén nas bancadas destinadas ao público. Con esta acción, tamén se consigue reducir o consumo enerxético, e tamén diminuír o gasto por consumos na factura municipal.
COMPLETA RENOVACIÓN DO SISTEMA CALEFACTOR NA CASA DO CONCELLO
O detalle dos traballos explicounos o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, durante a visita que realizou ao municipio o delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias.
O rexedor precisou os labores de mellora que se realizaron na Casa do Concello, coa renovación do sistema de calefacción para optimizar gasto e funcionalidade, protexendo tamén o medio ambiente ao reducir o consumo enerxético e as emisións. Neste edificio municipal, renovouse a rede de distribución, colocouse un termostato en cada habitáculo, e un sistema para diferenciar o aclimatamento da planta alta, onde se localizan as oficinas, do da planta baixa, que dá acceso á rúa e ten menos horas de funcionamento. Segundo explicou Arias, trátase así de acadar maior eficiencia no uso deste dispositivo.•