O estímulo cultural para as viaxes, o coñecemento do legado xudío en España e o fomento da creatividade entre os escolares son os principais obxectivos de dúas iniciativas que está a impulsar o Concello de Monforte dentro da Rede de Xuderías de España.
VÍDEO, EXPOSICIÓN VIRTUAL E CADERNO DE TRABALLO
O programa educativo Benjamín de Sefarad busca «estimular a curiosidade dos máis novos sobre a herdanza xudía dos nosos pobos e cidades e para dar a coñecer entre os escolares o legado sefardí das 22 cidades que forman a Rede de Xuderías». Así o explicou o alcalde, José Tomé, na presentación deste programa, destinado a escolares de 6º curso de Educación Primaria e 1º curso de Educación Secundaria Obrigatoria. A iniciativa, xa presentada por carta aos centros educativos da localidade, ofrece un kit de material didáctico, integrado por un vídeo educativo, unha exposición virtual e un caderno de traballo con preguntas e respostas.
A iniciativa apóiase no gusto dos escolares polas viaxes, e con estes materiais poderán coñecer as viaxes do mundo xudeu e as motivacións dos seres humanos para emprender grandes viaxes.
TERCEIRA EDICIÓN DO CONCURSO DE MICRORRELATOS
Esta iniciativa tamén vai dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e 1º ESO, para dar a coñecer a actividade divulgativa da Rede de Xuderías de España en torno á cultura xudía e espertar a afección pola escritura, estimular a imaxinación dos escolares e a súa capacidade para describir experiencias e entornos.
O prazo de entrega remata o 15 de maio de 2021.•