A Deputación de Lugo disporá de 92,5 millóns de euros para o vindeiro ano, duplicando a partida para o emprego nun plan «centrado nas persoas e na recuperación económica». O presidente, José Tomé, destacou que o Orzamento 2021 ofrece «a estabilidade, o rigor e a confianza necesarios neste tempos de incerteza e cambios pola covid». Pola súa banda, a vicepresidenta do organismo provincial, Maite Ferreiro, as contas da Deputación «responderán á emerxencia económica xerada pola crise sanitaria».
TURISMO E SECTOR PRIMARIO, SECTORES ESTRATÉXICOS
En liñas xerais, a Deputación dobra a aposta polo emprego, grazas á captación de fondos para o mantemento e a creación de emprego. Un terzo dos Orzamentos vai destinado a partidas sociais. Así mesmo, o Goberno provincial incrementa un 13% os fondos para o apoio ao sector primario, e outro 10% para o turismo, ao considerar ambos eidos como «sectores estratéxicos para o desenvolvemento da provincia».
Tamén se incrementa, desta volta un 14%, o investimento en estradas, ata acadar os 16 millóns de euros, co fin de mellorar a mobilidade e o equilibrio territorial, ao tempo que se estimula a obra pública como motor de emprego.
UN 50% MÁIS DE ORZAMENTO PARA IMPULSAR O MEDIO RURAL
Pola súa banda, destinarase a cultura o 7,8% do orzamento total da Deputación, entre o que destaca a partida de algo máis dun millón de euros para axudas directas a asociacións e entidades culturais de base. A Área de Deportes reservará 2,8 millóns para axudas a clubes e deportistas. Así mesmo, a Área de Medio Rural vén de aumentar a súa partida un 50%, para seguir impulsando políticas centradas no tecido produtivo, na sostibilidade e na fixación da poboación no rural, segundo explicou a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro.•