• O presidente da Deputación salientou que as contas aprobadas para 2021 adican un terzo do orzamento a políticas sociais

A Deputación de Lugo comeza o ano 2021 cos deberes feitos, logo de acadar a aprobación definitiva dos Orzamentos no Pleno celebrado o 30 de decembro. Deste xeito, o organismo provincial dispón dende o 1 de xaneiro de 2021 cun orzamento de 92,5 millóns de euros, un terzo deles dedicado a políticas sociais, co obxectivo de seguir traballando da man dos concellos e do tecido social e produtivo de cara a mellorar e aumentar os servizos públicos, así como favorecer a reactivación da economía fronte aos efectos da pandemia.
POLÍTICA SOCIAL, EMPREGO E INCREMENTO DO PLAN ÚNICO
Dende a Deputación salientaron que a aprobación dos Orzamentos cumpre co obxectivo que marcou o presidente da entidade provincial, José Tomé, ao inicio do mandato de contar dende principios de ano cun instrumento inversor fundamental para a provincia.
A políticas sociais destínanse 30 millóns de euros, incrementando ata os 9 millóns a partida para o mantemento e creación de emprego, o dobre que no exercicio anterior.
Pola súa banda, as partidas de apoio ao sector agrogandeiro medran un 13%, ata sumar 2,3 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos destinados ao turismo, que serán de 3 millóns, un 10% que o ano pasado.
O Plan Único, destinado á cooperación cos concellos, aumenta ata os 21,5 millóns de euros, e abre unha nova vía de apoio a todo o sector servizos, un dos máis afectados pola crise derivada da pandemia. •