• O investimento nestas obras foi de case medio millón de euros

A finais de 2020, quedaron rematados os traballos de mellora do firme da vía de alta capacidade 2.1 de Monforte de Lemos, que comunica os dous corredores de acceso á cidade do Cabe dende Nadela e Chantada. Nesta intervención, o Executivo autonómico investiu preto de medio millón de euros.
NOVO PAVIMENTO PARA DAR CONTINUIDADE CO DOS TRAMOS DE CHANTADA E NADELA, MÁIS RECENTES
Segundo lembrou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na visita que fixo a Monforte a finais de decembro, o proxecto de renovación do firme afectou á totalidade do trazado deste vial, con 2,8 quilómetros de lonxitude. O proxecto incluiu o acondicionamento integral da capa de rodadura, con fresado do firme existente en calzada e beiravías, ademais de fresados localizados da capa intermedia en zonas nas que se apreciou deformación. Deste xeito, conseguiuse homologar o pavimento coas mesmas características que posúen os dous corredores cos que enlaza, que son de construción máis recente.
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, comentou dende Monforte que estes traballos «melloran as condicións de adherencia e visibilidade, achegando maior seguridade para os usuarios da vía”. Esta estrada supera un tráfico de case 3.700 vehículos diarios, e máis do 8% deles son vehículos pesados. •