A Fundación Uxío Novoneyra contará cunha dobre axuda por parte da Deputación de Lugo.
16.500 EUROS PARA CONTRATAR PERSOAL
A comezos de xaneiro, o representante da Fundación, Uxío Novo Rey, asinou un convenio co presidente do organismo provincial, José Tomé Roca, por importe de 16.500 euros. O obxectivo deste convenio é reforzar o persoal da Fundación, que contratará a tres técnicos a media xornada, para atender as visitas guiadas que se soliciten no novo escenario de restricións sanitarias. Segundo destacaron dende Presidencia, o presente convenio enmárcase no marco de colaboración que a Deputación mantén coa Fundación para dinamizar a vida cultural da provincial mediante proxectos pioneiros en cultura, medio ambiente e patrimonio.
35.000 EUROS MÁIS
Pola súa banda, a Área de Cultura da Deputación subscribiu outro convenio con esta Fundación, por valor de 35.000 euros, para rehabilitar parte da casa do poeta en Parada do Courel «e continuar coa súa labor de promoción e dinamización sociocultural a partir do legado de Novoneyra», salientou a vicepresidenta da Deputación. Maite Ferreiro explicou que parte do convenio adicarase a habilitar un novo espazo para residencias artísticas e investigadoras na fragua, e outra a implementar as medidas hixiénico-sanitarias pola pandemia.•