A Área de Cultura da Deputación arrancou o programa «IlustrarNÓS» para levar a ilustración e as artes gráficas aos centros educativos

• A raíz do Día da Ilustración, están a desenvolverse obradoiros, charlas e intervencións artísticas en colexios e institutos

A vicepresidenta da Deputación e responsable da Área de Cultura, Maite Ferreiro, e o deputado nacionalista Efrén Castro, durante a presentación do programa «IlustrarNÓS», a finais do mes pasado. GPVDL

O 30 de xaneiro celebrouse o Día da Ilustración, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, e para levar esta efémeride ás novas xeracións, a Área de Cultura da Deputación de Lugo ten en marcha o programa IlustrarNÓS. A iniciativa inclúe diversas actividades en torno á ilustración e á figura da pintora e ilustradora coruñesa Lolita Díaz Baliño, a primeira muller, xunto con Carme Corredoyra, en ingresar na Real Academia de Belas Artes en 1938. Ademais, as actividades deseñadas dende a Área de Cultura da Deputación pretenden ampliar o coñecemento desta expresión artística, así como das súas técnicas e creadores, ao tempo que se estimula a creatividade dos máis novos.

MAITE FERREIRO: «A ILUSTRACIÓN CONECTA MOI BEN CO PÚBLICO NOVO E COA ARTE URBANA»
Así o explicou na presentación do programa IlustrarNÓS a vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, a finais do mes pasado. » Por primeira vez desenvolvemos desde a Área de Cultura unha programación que pon o foco na ilustración e facémolo de man dos centros educativos», destacou Ferreiro. A nacionalista explicou esta decisión «porque consideramos que se trata dunha expresión artística que conecta moi ben co público novo, pola súa conexión co mundo editorial pero tamén coa animación, cos videoxogos, co cinema ou coa arte urbana».

ACTIVIDADES PARA CENTROS DE PRIMARIA
Nos vindeiros meses, os colexios e institutos da provincia de Lugo acollerán actividades relacionadas co mundo do deseño e a ilustración, adaptadas aos niveis de idade. Nos centros de Educación Primaria, será o colectivo Polo Correo do Vento o que porá en marcha as actividades para o público máis novo, promovendo a creatividade, a lectura e o uso da lingua galega, poñendo en prática a súa gran experiencia neste tipo de proxectos.

MÁIS OBRADOIROS
Nos centros de Secundaria, a ilustradora Beatriz Lema falará sobre o proceso creativo e o oficio de ilustrar. Ademais, dirixirá un encontro-obradoiro na Escola Ramón Falcón, centro que tamén acollerá unha charla-taller a cargo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
Ademais, os centros que queiran sumarse a esta iniciativa poderán acoller intervencións artísticas a cargo dunha ducia de ilustradoras, muralistas e deseñadores.

CERTAME
Co obxectivo de estimular a creatividade nos escolares das diferentes etapas, o programa IlustrarNÓS convoca o I Certame de Ilustración, dirixido a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros educativos da provincia de Lugo. Partindo de citas de Castelao, os participantes terán que plasmar a súa interpretación cunha ilustración. O premio consistirá en catro lotes (un por categoría) de material gráfico e tecnolóxico relacionado co mundo do deseño e a ilustración.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Asociación de Veciños de Tuiriz cambia a celebración do Entroido por unha recollida solidaria de produtos

Seguinte Nova

Renovación do convenio da Deputación e a UNED de Lugo para a revista que edita a Universidade a Distancia

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: