A Asociación de Veciños de Tuiriz cambia a celebración do Entroido por unha recollida solidaria de produtos

•Recolléronse 568 quilos de roupa, produtos de hixiene e alimentos •O Concello de Pantón colaborou poñendo persoal e vehículos para xestionar a distribución de todo este material entre as familias máis necesitadas

Na imaxe superior poden verse os artigos de hixiene, roupa e alimentación que a Asociación de Veciños de Tuiriz recolleu nunha campaña solidaria de cinco días, celebrada entre finais de xaneiro e principios de febreiro. (Foto: ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE TUIRIZ)

En tempos de pandemia, a veciñanza de Pantón está a responder cunha arroutada de solidariedade. Cando se ían celebrar os tradicionais Compadres e Comadres, as novas restricións anunciadas pola Xunta para frear a crecida dos contaxios en toda a Comunidade deixou aos veciños sen a posibilidade de desfrutar de momentos de confraternidade.
En vez de entregarse á melancolía, na Asociación de Veciños de Tuiriz deseñaron unha iniciativa solidaria para poñerse a traballar xuntos polo ben de todos. Aproveitando a idea dun dos socios, a directiva e o resto desta sociedade veciñal púxose mans á obra, e en vez de pasar o tempo compoñendo compadres e comadres, adicáronse a recoller produtos de hixiene, roupa e alimentos para destinalos aos conveciños do municipio que o están pasando mal pola crise económica derivada da pandemia.
O resultado foron 568 quilos de materiais, dos que 90 foron de roupa, e outros 60 quilos de produtos de limpeza e hixiene persoal, algo no que se insistiu moito dende a Asociación, xa que estes produtos resultan imprescindibles e non son baratos. O resto do lote estivo composto por pasta, legumes, arroz, azucre, leite, e pañais para nenos e adultos.
Dende a Asociación de Veciños de Tuiriz fixeron unha valoración “moi positiva” do resultado da campaña, que estivo en marcha dende o 29 de xaneiro ata o 2 de febreiro. Así mesmo, agradeceron a colaboración do Concello de Pantón que, ademais de gabar a iniciativa destes veciños, aportou persoal e vehículos para cargar en Tuiriz o material e xestionar a súa distribución a través dos Servizos Sociais.•

A fotografía da esquerda amosa a colaboración do Concello de Pantón na iniciativa dos veciños de Tuiriz. O Consistorio ofreceu ao seu persoal e aos vehículos municipais para cargar os 568 quilos de artigos dende o local social de Tuiriz ata a capitalidade de Ferreira, para proceder á súa distribución entre a poboación máis necesitada. (Foto: ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE TUIRIZ)

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Renovación dos traxes de protección para o persoal do Consorcio de Bombeiros

Seguinte Nova

A Área de Cultura da Deputación arrancou o programa «IlustrarNÓS» para levar a ilustración e as artes gráficas aos centros educativos

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: