•Os fondos servirán para executar infraestruturas de mellora en municipios con menos de 50.000 habitantes
A humanización de espazos públicos para mellorar a calidade de vida da veciñanza é o obxectivo das axudas que a Xunta publicará en marzo, cun importe total de 2,3 millóns de euros. Os beneficiarios serán os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos que se poderán custear novas infraestruturas ou traballos de acondicionamento das xa existentes.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a convocatoria é bianual, polo que no actual exercicio financiaranse accións por valor global de 1,3 millóns de euros, e se reservan para o vindeiro ano os restantes 950.000 euros.
OBRAS PARA LOGRAR MÁIS CALIDADE DE VIDA
Vázquez salientou que esta liña de axudas quere dar continuidade ás accións impulsadas dende o Plan Hurbe, iniciativa que dende 2010 fixo posible executar 317 actuacións urbanísticas locais. A titular de Territorio e Vivenda lembrou que o Plan Hurbe tiña como obxectivo poñer en valor as vilas galegas e os núcleos rurais con obras orientadas a mellorar a calidade de vida dos veciños, conseguindo así frear o despoboamento, e potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos. A conselleira explicou que este tipo de accións seguirán contando co apoio da Xunta, posto que nos Orzamentos de 2021 xa están reservados máis de 7,4 millóns e euros para actuacións similares en zonas urbanas.•
Máis incentivos para que os propietarios se sumen ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vai reformar o programa de Vivendas Baleiras para facilitar o acceso a unha vivenda en alugueiro, sobre todo en zonas urbanas, onde a demanda é maior.
As principais novidades refírense aos incentivos para os propietarios, que poderán recibir axudas de ata 8.000 euros se se adhiren ao programa. Tamén se reforzará a súa seguridade xurídica, mediante diversas coberturas, axudas para arranxos ou tamén prioridade no acceso aos préstamos para rehabilitación sen xuros.
Pola parte do arrendatario, as novidades do programa Vivendas Baleiras garantirán o establecemento de rendas limitadas e tamén axudas a inquilinos con maiores dificultades económicas.
A titular de Vivenda salientou que o programa conta co respaldo de axencias e administracións de propiedade inmobiliaria. Ángeles Vázquez tamén insistiu en que esta renovación do programa Vivendas Baleiras é unha das apostas do Plan Social pola Vivenda 2021-2025, no que se inclúe case 50 accións. Este Plan da Xunta prevé un investimento directo de arredor de 433 millóns de euros, cunha mobilización estimada de 1.083 millóns de euros entre fondos públicos e privados.•
Axudas de ata 10.800 euros para que os menores de 35 anos compren unha vivenda
O Diario Oficial de Galicia do 2 de febreiro publicou a orde de subvencións para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos. A partida inicial destas axudas ascende a 800.000 euros para este ano.
ÉXITO DESTE TIPO DE AXUDAS, QUE SE ESGOTARON EN CADA CONVOCATORIA DENDE 2018
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que dende a primeira convocatoria desta liña de axudas en 2018, esgotouse o crédito todos os anos.
MÁIS DE 340 MOZOS PUIDERON MERCAR VIVENDA NUN CONCELLO PEQUENO CON ESTAS AXUDAS
Vázquez explicou o éxito desta liña de apoios dando os datos referentes ao pasado exercicio. Só en 2020, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo axudou a 120 galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, cifra á que hai que engadir as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores. A conselleira salientou que “en total son xa máis de 340 os mozos e mozas galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta para formar o seu fogar”. Na presente convocatoria, dotada con 800.000 euros ampliables se fose preciso, o prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 1 de setembro de 2021. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. O prezo de venda non superará os 100.000 euros e a axuda máxima será de 10.800 euros.•