• As rutas da Deputación estarán en funcionamento ata finais de ano, adaptándose ás circunstancias sanitarias de evolución da pandemia

A Deputación vén de adiantar ao 19 de marzo o inicio da tempada das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. A Xunta de Goberno aprobou, a mediados de febreiro, o encargo á empresa pública Tragsa a prestación deste servizo para 2021, cun importe económico anual de preto de 686.000 euros. A prestación aprobouse con posibilidade de prorrogar nas dúas vindeiras anualidades, garantindo deste xeito a estabilidade deste servizo ao que consideran «un dinamizador económico».
AXUDAR Á HOSTALERÍA, AO TURISMO E AO COMERCIO
O adianto explicouno a voceira socialista do Goberno provincial e deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, «porque este servizo contribúe de maneira directa e moi importante a dinamizar a economía da Ribeira Sacra axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio cando máis o necesitan debido a crise derivada das restricións sanitarias”.
García Porto salientou que o pasado 2020 rexistráronse case 21.000 viaxeiros nas rutas fluviais da Deputación, a pesar de que operaron tres meses menos do habitual debido ao confinamento.
Na ruta do Canón do Sil, que sae da Ponte do Sil, operarán dous catamaráns cunha capacidade total de 159 persoas, 107 no catamarán Mencía, e 52 no monocasco Canón do Sil. O traxecto ten unha duración de dúas horas. Así mesmo, a ruta do Cabo do Mundo sae de Belesar cun único catamarán con 72 prazas. Seguen vixentes as medidas hixiénico-sanitarias que xa se estableceron na reapertura tralo confinamento.•