A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou a programación cultural do Día de Rosalía, que ofrecerá ao longo de todo o ano diversas actividades para reivindicar a actualidade da figura de Rosalía de Castro.
CALENDARIO MÁIS FLEXIBLE PARA ADAPTARSE Á PANDEMIA
Así o explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro, tamén responsable da Área de Cultura da Deputación, durante a presentación desta iniciativa, que o ano pasado se desenvolveu en febreiro, pero que en 2021 terá máis duración. Este novo calendario axústase «á situación sanitaria», co fin de «facilitar que as actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano».
15 REPRESENTACIÓNS TEATRAIS INSPIRADAS NA OBRA E NA FIGURA DE ROSALÍA DE CASTRO
Segundo precisou Ferreiro, a programación ofrece actuacións teatrais e intervencións artísticas en diversos espazos. A posta en escena das obras teatrais realizarase en coordinación con concellos, asociacións e centros educativos, cun total de 15 representacións das obras “A pluma víva de Rosalía” a cargo de Os Quinquilláns, “Rosalía”, polo colectivo Culturactiva e “A viaxe de Rosalía” da compañía Urdime, montaxes todas elas inspiradas na vida e obra da máis senlleira autora galega.
VINTE MURAIS E GRAFITIS PARA CONMEMORAR A ROSALÍA
Así mesmo, o programa do Día de Rosalía inclúe vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos. As intervencións estarán a cargo dos muralistas e grafiteiros grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.
Maite Ferreiro destacou «o carácter popular, festivo e reivindicativo» que caracteriza a esta celebración, «co impulso ao mundo da cultura e do ensino» e «coa implicación dos concellos».•